GL EN
Twitter bSky

News

05 November 2025Un proxecto do CINBIO sobre o cancro de mama triplo negativo gaña o premio Zendal na categoría de saúde humana

O grupo CellCOM do CINBIO, o Centro  de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, e pertencente á Rede CIGUS, liderado por María Mayán, gañou o premio Zendal na categoría saúde humana por un traballo sobre o cancro triplo negativo, unha variante especialmente agresiva e con poucas opcións de tratamento. O grupo biofarmacéutico con sede en O Porriño deu a coñecer hoxe os International Zendal Awards, que este ano acadan a súa quinta edición e que serán entregados o vindeiro 11 de novembro en Vigo. O xurado dos premios, integrado por especialistas no ámbito da saúde, tamén galardoou na categoría de saúde animal, o desenvolvemento dunha vacina fronte á febre do Val do Rift, presentado por Alejandro Brun, do Centro de Investigación en Sanidad Animal (CISA–INIA).

“Este recoñecemento supón un empuxón importante para poder dar o primeiro paso en transferencia e poder chegar, nun futuro á nosa meta, que é chegar ao paciente. O premio sitúanos na saída dunha longa carreira que requerirá maior financiamento e apoio, pero isto é o inicio e facémolo con moitísima ilusión e emocionados de que ocorra con apoio e recoñecemento por parte destes premios, con tanto prestixio, e una empresa da calidade de Zendal”, sinala María Mayán.

Máis de 170 candidaturas presentáronse a esta quinta edición dos premios, que outorgan 40.000 euros na categoría de saúde humana e 25.000 na de animal. Mentres a investigación sobre o cancro e as propostas de terapias avanzadas e de precisión, así como as vacinas e a resistencia antimicrobiana, foron dos temas maioritarios das candidaturas presentadas no apartado de saúde humana, as propostas de saúde animal centrárose nesta edición en cuestións como a innovación e saúde global, con especial atención ao desenvolvemento de vacinas, zoonose, resistencia antimicrobiana e alternativas terapeúticas, como a diagnose de precisión e benestar animal. 

Unha nova estratexia terapéutica para determinados tumores

O proxecto do grupo CellCOM desenvolve unha nova estratexia terapéutica para determinados tipos de tumores entre eles o cancro de mama triplo negativo con mutacións en BRCA1/2, un dos máis agresivos e difíciles de tratar, cunha proposta baseada en restaurar a proteína conexina43 (Cx43) mediante nanovesículas, aumentando a eficacia de fármacos que afectan a reparación do ADN como son os inhibidores de PARP para evitar a resistencia ao tratamento. Ademais, esta aproximación potencia a resposta inmune antitumoral, o que permitiría aumentar a eficacia de determinadas inmunoterapias para mellorar os resultados. 

O proxecto busca validar esta terapia innovadora en modelos preclínicos e abrir camiño cara tratamentos máis eficaces para pacientes con cáncer de mama e outro tipo de tumores, con beneficios potenciais tanto na supervivencia como na calidade de vida das pacientes afectadas. ‎O grupo de investigación do CINBIO ten protexida esta aproximación terapéutica en tres patentes e parte dos resultados foros publicados en revistas internacionais de alto prestixio como Nature Communications en xullo de 2025.

Os criterios de innovación científica, necesidade sanitaria, viabilidade, aplicabilidade e a súa contribución á mellora da vida en termos de progreso e benestar, son os aspectos valorados polo xurado que outorgou o galardón ao proxecto de investigación do CINBIO. “Sabemos que son uns premios moi competitivos e facémonos cargo do compromiso e responsabilidade que supón”, explica María Mayán, que destaca a aposta de Zendal por uns galardóns científicos de recoñecemento internacional e por apoiar as actividades I+D+i. “Son un exemplo a seguir e unha inspiración para outras empresas e entidades do ámbito privado”, sinala a investigadora de CINBIO, que lembra que na maioría de países europeos, e en especial en EEUU, as empresas son as maiores financiadoras da actividade científica, máis que as propias administracións. “Ogallá, que isto tamén ocorra en España e en Galicia, sería unha boa noticia para todos. A ciencia non só xera coñecemento e persoal altamente cualificado para o mercado laboral, non só científico, tamén xera grandes retornos económicos a longo prazo e fai que as tecnoloxías e tratamentos, primeiro se proben a nivel local, o que dá oportunidades e ás veces vida á xente que vive cerca de centros de investigación de excelencia como é CINBIO”, afirma Mayán.

Carlos Martín Montañés, profesor de Microbioloxía, Medicina Preventiva e Saúde Pública, Universidade de Zaragoza; Miguel Ángel Llamas, doutor en Bioquímica e Bioloxía Molecular e director da organización Biocomunica; María Vallet-Regí, catedrática de Química Inorgánica e directora do Departamento de Química Inorgánica e Bioinorgánica, Universidade Complutense de Madrid; Pilar Domingo-Calap, profesora e investigadora principal en I2SysBio (UV–CSIC) e directora científica de Evolving Therapeutics; Eugenia Puentes Colorado, académica numeraria da Real Academia de Farmacia de Galicia e Andrés Fernández Álvarez-Santullano, CEO de Zendal, foron as e os integrantes do xurado que premiou a investigación do grupo CellCOM. 

A entrega dos International Zendal Awards terá lugar o 11 de novembro en Vigo, no transcurso dunha gala na que tamén se dará a coñecer o premio homenaxe. 

Fonte: DUVI

O CINBIO é un centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER e adscrito á rede de centros CIGUS (Centros de Investigación del Sistema Universitario de Galicia), promovida e financiada pola Xunta de Galicia.

#teamCINBIO #FondosEuropeos #CIGUS