News
Liderado pola investigadora María Mayán e o oncólogo Dr. Juan Carrasco
Vigo Contra el Cáncer financiará o proxecto pioneiro VIGO4SAR para personalizar terapias en sarcomas desde o CINBIO e o IISGS
A carreira solidaria celebrará a súa XII edición o vindeiro 19 de outubro en Coia
Unha vez máis a cidade olívica dará un paso adiante na loita contra o cancro grazas ao apoio da asociación Vigo contra el Cáncer, unha entidade sen ánimo de lucro que canaliza a solidariedade cidadá a través dunha carreira coa que cada ano recada fondos para financiar un proxecto de investigación en cancro. Neste 2025 o proxecto seleccionado é Nuevas oportunidades para pacientes con sarcoma – VIGO4SAR, liderado pola investigadora María Mayán Santos desde o grupo CellCOM do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS; xunto co oncólogo Dr. Juan Carrasco, do Hospital Público Álvaro Cunqueiro e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS). Centrado na personalización do tratamento de sarcoma, un grupo de tumores raros moi pouco estudados, o principal obxectivo será desenvolver unha plataforma de cribado que permita seleccionar os tratamentos aos que responde un determinado tumor e evitar terapias ineficaces, personalizando o tratamento a cada paciente.
O proxecto iniciarase grazas a esta axuda de Vigo contra el Cáncer, agardando poder trasladar o seu uso á clínica grazas ao apoio de entidades como GALARIA, empresa pública do Sistema Galego de Saúde, especializada na incorporación de tecnoloxías sanitarias innovadoras. “Este apoio non só ten un valor económico, senón que representa un exemplo de como unha cidade enteira pode mobilizarse para impulsar a investigación biomédica e ofrecer esperanza a pacientes con cancros tan pouco estudados como os sarcomas”, sinala a Dra. Mayán.
Esta iniciativa, na que ciencia e sociedade camiñan xuntas, non é o único apoio que recibirá o proxecto, que xa conta coa colaboración Asociación de Sarcomas Grupo Asistencial (ASARGA), a través da Beca Carolina Cerezo, e da Federación Española de Enfermidades Raras (FEDER), que xa vén de financiar un proxecto similar, orientado ao tratamento do osteosarcoma, un subtipo de sarcoma que afecta ao oso.

A iniciativa cidadá impulsará unha plataforma de cribado
Os sarcomas son un grupo heteroxéneo de máis de 200 tipos de tumores que afectan principalmente aos tecidos brandos e ao óso, adoitando presentarse en persoas en idade infantil ou xuvenil, nas que a enfermidade ten un gran impacto. Con esta casuística no foco, VIGO4SAR propón estudar mostras tumorais obtidas co apoio de varios servizos e do Biobanco do Hospital Álvaro Cunqueiro. Nun futuro, “se incorporarán estudos de xenómica e transcriptómica para identificar novos biomarcadores de resposta, o que requirirá de financiamento adicional”, explica a investigadora María Mayán.
“Aínda sabemos moi pouco sobre que causa os sarcomas e por que algúns pacientes responden a novos tratamentos, como as terapias dirixidas e inmunoterapias, e outros non”, explica o Dr. Juan Carrasco. “Queremos dar un paso adiante e crear unha plataforma innovadora que nos permita estudar de forma personalizada que terapias funcionan mellor segundo o tipo de tumor e as características de cada paciente, superando así a falta de coñecemento actual e personalizando os tratamentos para cada paciente e tipo de tumor”, subliña o oncólogo do Hospital Álvaro Cunqueiro.
A implementación desta plataforma permitirá seleccionar os mellores tratamentos para cada paciente, o que ademais axudará a mellorar a súa calidade de vida ao descartar terapias non eficaces para cada tipo de tumor. “O obxectivo final é contribuír a mellorar a calidade de vida e supervivencia das persoas afectadas por sarcomas, ofrecendo unha nova oportunidade no seu tratamento e manexo clínico”, explican os promotores do proxecto. Ademais, “esta plataforma desenvolvida en Vigo non só beneficiará a pacientes con sarcoma, pois tamén servirá como modelo para a súa aplicación noutros tumores, aforrando importantes costes ao sistema sanitario”.
Vigo correrá un ano máis contra o cancro
A asociación Vigo Contra el Cáncer financiará así por primeira vez vez un estudo de sarcoma. Nas próximas semanas darase a coñecer o cartel da súa xa clásica carreira solidaria, así como as datas de apertura e peche de inscricións. Ademais, aquelas empresas, institucións e particulares que queiran sumarse a esta causa poderán contactar coa asociación a través da súa páxina web www.vigocontraelcancer.com.
O vindeiro 19 de outubro, esta asociación viguesa sen ánimo de lucro celebrará a XII edición da súa clásica proba, co fin de tinguir novamente de azul as rúas do barrio de Coia nas dúas modalidades de 10 km ou 5 km, puidendo facerse andando esta última. Desde a organización agardan recuperar as cifras de participación logradas nas anteriores edicións, nas que se completou o cupo de 5.000 participantes, e conquistar outra edición co obxectivo de sempre: “concienciar sobre a prevención e apoiar a investigación contra o cancro”.
O CINBIO é un centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER e adscrito á rede de centros CIGUS (Centros de Investigación del Sistema Universitario de Galicia), promovida e financiada pola Xunta de Galicia.
#teamCINBIO #FondosEuropeos #CIGUS