GL EN

News

11 June 2024Visita ao CINBIO das gañadoras e gañadores do premio do público de CinVigo 2024

Un grupo de alumnas e alumnos de 1º de ESO do Colexio Apóstol Santiago de Vigo, gañadores do premio outorgado polo público no festival CinVigo 2024 -que reuniu o pasado mes de abril a máis de 220 estudantes de ensino medio na Porta do Sol- visitan esta semana o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, CINBIO, para coñecer de preto as súas instalacións e o traballo que se leva a cabo nos diferentes laboratorios do centro.

Autores dun proxecto sobre automatización de rego de césped con arduino, o seu traballo foi o que obtivo a máxima puntuación a través dunha aplicación na que se rexistraron máis de 10.000 votos.

Dous días para familiarizarse con nanopartículas, espectroscopía…
Á súa chegada ao centro recibiunos a subdirectora, a investigadora Diana Valverde, responsable do Laboratorio de Enfermidades Raras e, a continuación, visitaron os laboratorios dos grupos de Nanomateriais Biomiméticos (Biomimat) e Física e Química de Materiais (MCPG). Así, das man das súas investigadoras e investigadores, conversaron sobre nanopartículas feitas de diferentes materiais e como se utiliza a luz e a súa interacción cos mesmos. Viron como cambian as propiedades ópticas destes elementos co seu tamaño e forma e aprenderon sobre espectroscopia, un método que utiliza fundamentalmente a luz para estudar materiais.

Benvida por parte da subdirectora do centro, a investigadora Diana Valverde

Co Grupo de Física e Química dos Materiais

No laboratorio do grupo de Nanomateriais Biomiméticos

Experimentando coa cámara termográfica

Tras un descanso, as alumnas e alumnos do Colexio Apostol Santiago visitaron tamén o laboratorio do grupo TeamNanoTech (TNT), onde simularon un proceso farmacéutico de encapsulación de fármacos ou nanopartículas que se poderían liberar no corpo humano e actuar sobre unha diana terapéutica (por exemplo, un tumor).

No laboratorio do Grupo TeamNanoTech

Na segunda xornada do martes, continuaron o seu particular percorrido polos laboratorios do CINBIO cos grupos de FunNanoBio e Inmunoloxía, o que lles permitiu seguir traballando con nanopartículas e achegarse á identificación e marcaxe selectiva de larvas de mexillón mediante anticorpos monoclonais.

No laboratorio do Grupo de NanoBioMateriais Funcionais FunNanoBio 

Co grupo de Inmunoloxía do CINBIO

Financiamento de FECYT–Ministerio de Ciencia e Innovación
Con este tipo de actividades o CINBIO, centro cofinanciado con fondos FEDER, busca estimular as vocacións científicas entre o alumnado de ensino medio. No caso concreto do festival CinVigo, que converte as rúas e prazas de Vigo nun laboratorio aberto a toda a cidadanía, conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación.