News
As científicas do CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina cofinanciado con fondos FEDER, sumáronse un ano máis á conmemoración do 11F, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Xunto a clásicas actividades como os obradoiros Elas Fan CienTec de Vigo ou a feira eXXperimenta en Feminino de Ourense, outro do pratos fortes da ampla programación do 11F na UVigo foron as charlas divulgativas en centros educativos da nosa contorna, coas que as investigadoras do CINBIO puideron achegar a súa paixón pola ciencia ás que serán as futuras e futuros científicos da nosa comunidade. Como todos os anos, o obxectivo estaba claro: poñer en valor o talento e o traballo das mullres na ciencia, achegando referentes femininos próximos e incentivando as vocacións científicas nas novas xeracións. O programa de visitas e charlas contou co apoio da Unidade de Igualdade e a Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades).
As charlas e obradoiros espalláronse ao longo de todo o mes de febreiro por escolas e institutos de toda Galicia, desde Moaña e Chapela ata Verín e Carballiño, pasando por Chapela ou Pontevedra, e sendo protagonistas delas investigadoras como Isabel Pastoriza, África González, Noelia Flórez, Dolores Torres, Margarita Vázquez, Begoña Puértolas, Paula Sanmartín, Sara Rodríguez, Valeria Zoni, Nuria Estévez, Tania Prieto ou Laura Salonen.
Paula Sanmartín e Sara Rodríguez, do grupo FunNanoBio, no Colexio Plurilingüe Calasancio de Pontevedra
África González, do grupo de Inmunoloxía, no IES Taboada Chivite de Verín
Isabel Pastoriza, de FunNanoBio, no IES de Chapela
Marga Vázquez, do grupo TeamNanoTech, no Colexio Ramiro Sabell Mosquera de Ponteareas
Noelia Flórez e Mª Dolores Torres, do grupo EQ-2, impartiron unha charla co IES A Paralaia de Moaña