GL EN
Twitter bSky

News

05 June 2026A investigadora do CINBIO África González reúne en Compostela as principais voces da investigación en terapias celulares avanzadas

A investigadora principal do grupo de Inmunoloxía do CINBIO e catedrática da Universidade de Vigo África González reuniu este xoves en Santiago de Compostela algunhas das figuras máis destacadas da investigación internacional en terapias celulares avanzadas e inmunoterapia. O encontro científico, organizado polo consorcio Terav+ Galicia que dirixe desde a UVigo a través do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, IISGS, converteu a capital galega nun foro de debate sobre os principais avances e retos dun ámbito chamado a transformar o tratamento de enfermidades graves para as que aínda existen poucas opcións terapéuticas.

A xornada celebrouse no marco da Red Española de Terapias Avanzadas, Ricors/Terav+, impulsada polo Instituto de Salud Carlos III, da que forma parte o consorcio galego coordinado por González. Integrado por especialistas en Inmunoloxía, Oncoloxía e Hematoloxía das áreas da Coruña, Santiago e Vigo, o equipo traballa no desenvolvemento de inmunoterapias celulares, biomodelos avanzados e novas solucións tecnolóxicas para a medicina personalizada, ademais de impulsar accións de formación e colaboración científica.

Dos CAR-T hematolóxicos aos tumores sólidos

O encontro serviu para poñer en común os avances máis recentes en terapias CAR-T, unha estratexia terapéutica que xa demostrou a súa eficacia en determinados tumores hematolóxicos e enfermidades autoinmunes e que agora abre novas posibilidades no tratamento doutras patoloxías, entre elas os tumores sólidos.

Entre as relatoras destacou a investigadora galega Elena Sotillo, científica sénior da Universidade de Stanford e unha das referentes internacionais neste campo. Na súa intervención abordou o redeseño das terapias CAR-T para tumores sólidos e os retos de trasladar os avances da enxeñaría celular á práctica clínica. Segundo explicou, os traballos actuais buscan reproducir en tumores de cerebro e sarcomas o éxito acadado nos cancros hematolóxicos, un obxectivo para o que xa se están a obter resultados prometedores.

Tamén participou Manel Juan, responsable do grupo de Inmunoxenética e Inmunoterapia do Hospital Clínic de Barcelona e director da Rede Española de Terapias Avanzadas, quen afondou nas posibilidades presentes e futuras das terapias celulares. Durante a súa intervención destacou que as aplicacións dos CAR-T poderían ir máis aló da loita contra o cancro e contribuír tamén á rexeneración de tecidos ou ao tratamento doutras enfermidades.

Colaboracións e proxectos desenvolvidos en Galicia

A directora do Centro de Terapias Avanzadas de Galicia-Galaria, Marta Español-Rego, presentou os avances que se están a desenvolver nesta infraestrutura, actualmente en fase de validación de procesos e métodos de fabricación. Neste contexto, puxo en valor a colaboración co grupo liderado por África González no Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, da UVigo para o desenvolvemento dun medicamento CAR-T dirixido a tumores sólidos gástricos e pancreáticos. O proxecto atópase en fase de avaliación preclínica e os seus responsables confían en poder avanzar cara a un ensaio clínico de fase I/II.

A programación completouse coas intervencións de Fernando Torres, do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, Inibic, que presentou os avances da terapia celular con monocitos e macrófagos para tumores sólidos, e de Lucía Sanjurjo, investigadora do CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela, quen expuxo o potencial das nanopartículas de ARN como ferramenta para mellorar a eficacia e accesibilidade das inmunoterapias.

Un ámbito estratéxico para a investigación biomédica

A celebración desta reunión científica reforza o papel do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, pertencente á Rede CIGUS, e dos equipos coordinados por África González nun dos ámbitos máis innovadores da investigación biomédica actual. A través de iniciativas como TERAV+ Galicia, a institución consolida a súa presenza nas redes de investigación de referencia e contribúe ao desenvolvemento de novas terapias destinadas a mellorar a atención de pacientes con enfermidades de alta complexidade.

Fonte: DUVI

CINBIO conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación. 

Como centro adscrito á rede CIGUS (Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia) está cofinanciado con Fondos Europeos 

 

#teamCINBIO #RedeCIGUS #FondosEuropeos