GL EN

News

20 December 2023A investigadora Marta Barandela, primeiro premio no concurso de fotografía do CINBIO 2023

Desde hai tres anos o CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, celebra o seu propio concurso de fotografía científica co fin de promocionar o traballo desenvolvido neste centro de investigación a través de fotografías realizadas polo persoal do mesmo no seu día a día.

Nesta terceira edición participaron un total de 44 fotografías relizadas por persoal de diferentes grupos e servizos do centro. "Un ano máis conseguimos unha alta participación", comentan desde a organización do concurso, ademais de engadir que "xunto coa calidade e creatividade das fotografías participantes, isto demostra que é posible divulgar ciencia a través de imaxes artísticas e textos comprensibles que achegan a ciencia ao conxunto da sociedade".

Nas bases do concurso indicabase que as 12 fotografías finalistas, elixidas por un xurado especializado, formarían parte do calendario do CINBIO para o vindeiro 2024. Así, os 12 meses do calendario estarán protagonizados por fotografías procedentes da man científica e artística da investigadora do grupo Neurocircuits, Marta Barandela; de Irene da Costa Barreiro, investigadora dos grupos Nanomateriais Híbridos e TeamNanoTech; Carlos Renero Lecuna, do laboratorio de Nanomateriais Biomiméticos; Belén Vaz Araújo e Brais Vidal Pérez; do grupo de Química Orgánica; Carla Estévez Varela, de NanoBioMateriais Funcionais; Mercedes Peleteiro Olmedo, responsable do servizo de Citometría; Diana Valverde, líder do laboratorio de Enfermidades Raras; e da líder do grupo de Nanomateriais Híbridos, Verónica Salgueiriño Maceira.

A fotografía "A perla do ollo", realizada por Marta Barandela González, do grupo Neurocircuits, resultou ser a gañadora da actual edición. Nesta microfotografía, realizada cun microscopio de campo claro, móstrase un corte de ollo de lamprea da especie Petromyzon marinus cunha tinguidura de hematoxilina-eosina. 

Moitos parabéns a todas as artistas pola participación!