News
Impulsar a cultura da innovación e o emprendemento no ámbito dos Nanomateriais e da Biomedicina, implementando programas de formación e capacitación en áreas como a transferencia de resultados, o liderazgo e a xestión empresarial, foi un dos principais obxectivos cos que se celebrou este martes a Xornada de Capacitación Científico-Tecnolóxica, organizada no marco do programa EMPREN+AP pola Unidade de Transferencia e Innovación do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS.
A xornada, que tivo lugar na sala do edificio CITEXVI da Universidade de Vigo, deu comezo ás 09:00 horas e ao longo de toda a mañá ofreceu ás persoas asistentes actividades formativas, especialmente deseñadas para fortalecer as competencias do persoal investigador e de xestión, e asegurar a súa capacidade para afrontar o desafío que supón a transferencia de resultados do I+D xerado nun centro de investigación cara o tecido produtivo.


O acto de presentación contou coa participación de Carmen Cotelo, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e do director do CINBIO, Miguel Correa, que, tras subliñar a importancia e necesidade deste tipo de accións, deron paso á conferencia inaugural ofrecida polo Dr. Fernando Jiménez Saez baixo o título “A importancia da transferencia de tecnoloxía no emprendemento”. Jiménez Saez, Profesor Titular da Universidade Politécnica de Valencia, investigador en INGENIO (CSIC-UPV) e coordinador do programa DINA-ITK, abordou no seu relatorio a valorización social do coñecemento científico, enfocándoo como “un proceso integral para transformar os resultados da investigación, indo más alá do modelo tradicional de transferencia tecnolóxica”.



O núcleo da xornada estivo destinado a coñecer de preto proxectos innovadores e casos de éxito do CINBIO, grazas á participación do investigador principal do grupo TeamNanoTech, Miguel Correa; e de Herminia Domínguez e Francisca Rodrigues, líder do grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible do CINBIO e investigadora da Facultade de Farmacia da Universidade do Porto, respectivamente, que falaron do seu traballo na obtención de produtos de valor a partir de algas invasoras ou de subprodutos da industria agroalimentaria. Tras o descanso, as investigadoras principais dos grupos de Imunoloxía e CellCOM, África González e María Mayán, compartiron a súa experiencia no eido da transferencia e da creación de spin-offs, destacando con ilusión o gran reto que supón este traballo.


A continuación, a xestora de Bioga, Ángela Iglesias, presentou o programa BioInvestor, iniciativa clave para impulsar e valorizar proxectos de investigación, e o proxecto BioTransfer, unha iniciativa transfronteiriza da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que, segundo explicou, “impulsa a bioeconomía e a circularidade mediante a valorización de recursos endóxenos”.

Antes da sesión final de networking, as persoas asistentes puideron participar no taller “Da idea científica á proposta de valor: como converter unha idea científica nun proxecto empresarial viable”, no que, en pequenos grupos, puideron poñer en práctica as ideas adquiridas ao longo de toda a xornada, rematando cunha pequena exposición de cada equipo.

EMPREN+AP, un programa para fomentar a cultura da innovación no ámbito académico
Xunto con outras accións como o foro, varias xuntanzas de traballo e unha visita ao centro de investigación, a xornada enmarcouse dentro do programa EMPREN+AP, promovido polo CINBIO, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), e cofinanciado a través da primeira Convocatoria I+P de ayudas a la experimentación e innovación de políticas públicas da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) en colaboración co Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e a Oficina Nacional de Asesoramiento Científico (ONAC). Ademais, EMPREN+AP intégrase no marco estratéxico RIS3 Galicia 2021-2027, contribuíndo a fortalecer os vínculos entre o persoal científico experto e o persoal da GAIN, entidade colaboradora do programa.
CINBIO conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
Como centro adscrito á rede CIGUS (Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia) está cofinanciado con Fondos Europeos
#teamCINBIO #RedeCIGUS #FondosEuropeos