GL EN
Twitter bSky

News

20 May 2026As investigadoras do CINBIO África González e María Mayán participan na I Xornada contra o Cancro

A Facultade de Bioloxía celebrou este mércores a súa I Xornada sobre o Cancro, unha iniciativa que reuniu no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais investigadoras, profesionais e entidades sociais arredor dos avances científicos e do acompañamento ás persoas que conviven coa enfermidade. Foi a primeira edición dun encontro que nace co obxectivo de “poñer a ciencia ao servizo das persoas”, combinando divulgación biomédica e compromiso social, e con clara vocación de continuidade.

Detrás da proposta está Christopher Gil Ramírez, estudante de terceiro curso do Grao en Bioloxía, quen explicou que a idea xurdiu da súa experiencia persoal e familiar co cancro. “Veño dunha familia na que o cancro é relativamente común e hai uns anos diagnosticáronlle cancro de mama a unha das miñas tías. Iso fíxome pensar que tiña que facer algo para visibilizar, non a enfermidade per se, senón aos pacientes, que son quen  a sofren”, explica o alumno, voluntario da asociación viguesa Bicos de Papel.

"Tres piares complementarios da loita contra o cancro"

A proposta foi trasladada ao equipo decanal da facultade, encabezado por Mercedes Gallardo, e xuntos puxéronse mans á obra coa idea de reunir persoal investigador e asociacións nun mesmo espazo de encontro. Finalmente, a xuntanza tivo lugar este mércores coa participación de tres das investigadoras galegas máis prestixiosas neste eido: África González, catedrática e líder do grupo de Inmunoloxía do CINBIO; Mª Dolores Mayán, especialista en Biomedicina e líder do grupo CellCOM do CINBIO, pertencente á Rede CIGUS; e María Lidia Vázquez, especialista en Oncoloxía de Precisión do Hospital Álvaro Cunqueiro.

A elección destas investigadoras como protagonistas desta primeira edición responde, segundo Gil Ramírez, a un motivo moi claro: son tres piares complementarios da loita contra o cancro. “África González foi elixida pola súa traxectoria internacional en Inmunoloxía e pola súa capacidade para explicar como a resposta inmune condiciona a aparición e evolución dos tumores; María Lidia Vázquez achega a visión clínica imprescindible para comprender o presente e o futuro da oncoloxía de precisión; e María Dolores Mayán representa unha das liñas de investigación máis innovadoras da Universidade de Vigo, centrada no microambiente tumoral e nos mecanismos de resistencia terapéutica”, destacou o organizador das xornadas.

Moito máis aló do sistema inmunitario como mecanismo de defensa

Abriu o programa a catedrática e investigadora principal do grupo de Inmunoloxía do CINBIO, África González, quen incidiu na necesidade de superar a visión tradicional do sistema inmunitario como simple mecanismo de defensa. Explicou, nesta liña, que se trata dun complexo sistema de vixilancia e control interno encargado de reparar feridas, detectar sinais de perigo, eliminar células tumorais e recoñecer elementos alleos ao organismo, como virus, bacterias ou transplantes incompatibles.

A investigadora abordou o potencial da inmunoterapia, baseada no uso ou manipulación do sistema inmunitario para tratar enfermidades como o cancro. Entre outras estratexias, referiuse ao emprego de anticorpos monoclonais, vacinas terapéuticas, células dendríticas e terapias CAR-T, nas que se modifican células T para recoñecer e destruír células tumorais.

González presentou ademais parte das investigacións que desenvolve o seu grupo nos cancros de páncreas e gástrico, dous dos tumores con peor prognóstico. O traballo céntrase, neste caso, en combinar tratamentos de maneira secuencial para facilitar tanto a chegada dos fármacos como a acción do sistema inmunitario. O equipo desenvolveu tamén anticorpos monoclonais e células CAR-T específicas fronte a estes tumores, actualmente en fase de estudo en modelos in vitro e animais.

Novas posibilidades para pacientes con tumores especialmente agresivos

Pola súa banda, María Dolores Mayán, investigadora principal do grupo CellCOM do CINBIO, realizou un percorrido polos avances acadados na investigación oncolóxica durante as últimas décadas e destacou que o maior coñecemento do cancro permitiu desenvolver terapias dirixidas e inmunoterapias que abriron novas posibilidades para pacientes con tumores especialmente agresivos.

Con todo, advertiu de que aínda quedan importantes retos científicos pendentes, entre eles comprender con maior detalle como se inicia un tumor para avanzar na prevención, identificar os mecanismos responsables da resistencia aos tratamentos e mellorar a resposta inmunitaria para lograr terapias máis eficaces. Mayán tamén incidiu na necesidade de reforzar o esforzo investigador ante o aumento previsto da incidencia do cancro nos próximos anos.

Coa participación da AECC e Bicos de Papel

A dimensión social ocupou igualmente un lugar destacado na xornada coa participación da Asociación Española Contra o Cancro e da asociación Bicos de Papel, que compartiron o seu labor de apoio a pacientes e familias. Ademais, durante toda a mañá o vestíbulo acolleu o Buzón dos Bicos, unha iniciativa solidaria na que as persoas asistentes puideron deixar mensaxes e cartas de ánimo para nenos e nenas hospitalizados en Vigo, Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Fonte: DUVI