News
“Non elixín o camiño que me tocou, pero si como vivilo”, dicía Noelia Gestoso Uzal, unha médica da Estrada que, cando realizaba a súa residencia en Pediatría no Hospital de Valdecilla en Santander, en setembro do ano pasado, lle foi diagnosticado un adenocarcinoma gástrico metastásico. Logo dun tratamento que combinaba dous tipos distintos de quimioterapia e unha inmunoterapia específica para un marcador que tiña o seu tumor, a Claudina 18.2, Noelia falecía o pasado mes de xuño. Tiña 26 anos.
“A miña irmá era unha persoa moi especial, desas que fan do mundo un lugar mellor. Tiña unha bondade moi xenuína, sempre poñía os demais por diante e enchía de ilusión todo o que facía. Isto foi sempre así e non cambiou durante a enfermidade. Ela seguiu chea de optimismo e repetiunos moitas veces o feliz que era e que tiña sido durante os seus 26 anos e foi incrible ver como a pesar de todo o sufrimento que pasou asociado ao cancro, sacou forzas para sosternos a todos”, lembra a irmá maior de Noelia, Nerea Gestoso. Xunto ao seu pai, Juan Gestoso, e á socia deste na empresa Dubraseda, Cristina Pazos, esta investigadora posdoutoral no Centro de Investigación del Cáncer de Salamanca, decidiu materializar a idea da súa nai, Montse Uzal, de impulsar, a través da venda dunha edición especial de bombóns artesáns co nome de Noelia elaborados por Dubraseda, unha doazón á investigación e máis concretamente ao proxecto Alacarta, que desenvolve o Grupo de Inmunoloxía da UVigo.
Na procura dunha opcion de futuro
Os camiños da familia Gestoso e do grupo de investigación do CINBIO, que dirixe a catedrática da Universidade de Vigo África González, cruzáronse por vez primeira a finais do ano pasado, catro meses despois de que a Noelia lle fose diagnosticado un adenocarcinoma gástrico e iniciase un tratamento cada tres semanas que combinaba dous tipos de quimioterapia e unha inmunoterapia específica para a Claudina 18.2.
“A súa enfermidade foi diagnosticada nun estado avanzado e tiña unha alta agresividade e a pesar da boa resposta ao tratamento que tivo inicialmente, sentíamos que debiamos ir buscando opcións a futuro por se iso non era suficiente. En decembro do ano pasado decidín contactar coa profesora África González tras atoparme coa súa investigación nunha pesquisa profunda sobre posibles terapias innovadoras que puideran axudar á miña irmá”, explica Nerea Gestoso, que destaca “o valor da investigación que están a levar a cabo no Grupo de Inmunoloxía do CINBIO, xa que pode chegar a ser a única oportunidade para moitos pacientes con cancros tan agresivos como o de estómago e o de páncreas”.
Cunha longa traxectoria de traballo no cancro, o Grupo de Inmunoloxía comezou hai catro anos cun proxecto concreto de terapia CAR-T, unha terapia celular personalizada na que a idea é potenciar as defensas do paciente para que vexa e elimine mellor o tumor, empregando para iso células inmunitarias do propio paciente. “Iniciamos un proxecto para desenvolver unha terapia celular fronte ao cancro gástrico e pancreático que expresara un marcador determinado, que non acostuma a estar en células normais”, explica África González, que lembra que buscaban unha terapia dirixida e centráronse na molécula Claudina 18.2.
“Concedéronnos un proxecto modesto no plan Next Generation, que axudou a avanzar e que denominamos Alacarta”, detalla a responsable do grupo, que explica que “iniciando o proceso desde cero, desenvolvimos primeiro anticorpos específicos fronte á proteína, asegurámonos de que non recoñecía outras moléculas similares, para dar logo o salto a desenvolver a terapia celular. O que fixemos foi solicitar unha patente europea, que estamos actualmente en proceso”.
Tras contactar co Grupo de Inmunoloxía do Cinbio, África González confirmoulle a Nerea Gestoso que non tiñan a aprobación clínica para o emprego do CAR-T e que aínda estaban en fases moi iniciais. “Que saibamos, somos o único grupo en España traballando neste tipo de terapia para cancro gástrico Claudina 18.2+ . A nosa terapia está aínda en fases preclínicas (modelo animal) e estamos traballando para que sexa unha realidade na clínica, pero isto require de moito esforzo, tempo e financiamento”, explica a catedrática, que avanza que están intentando optimizar a terapia celular para diminuír a toxicidade e aumentar a eficacia.
A Noelia, que desenvolveu unha destacada carreira deportiva xogando co Bádminton A Estrada e o Ravachol de Pontevedra cos sumou 24 medallas en campionatos autonómicos, nove títulos e dúas medallas en campionatos de España, ademais de numerosas convocatorias coa selección autonómica e competicións internacionais, a diagnose chegoulle cando estaba no segundo ano de residencia en Pediatría no Hospital Universitario Marqués de Valdecilla. Alí exercía unha profesión que sempre lle gustou e “na que destacaba polo trato próximo con pacientes e familiares”, lembra Nerea, que actualmente se dedica no Centro de Investigación de Cáncer de Salamanca, no laboratorio dirixido por David Santamaría, ao estudo de tumores con alteracións en KRAS, que foi precisamente a mutación que se atopou no tumor de Noelia.
“Pola nosa formación, as dúas tiñamos un coñecemento importante da súa enfermidade, coa parte boa e a parte mala que iso conleva. Non obstante, algo que foi moi sorprendente e duro para min foi vivir de primeira man o ríxidos que son os protocolos médicos e o complicado que é o acceso a ensaios clínicos incluso en situacións críticas, cando poden ser a única opción de sobrevivir dos pacientes”, lamenta Nerea, que asegura que tivo “un sentimento de ir sempre por detrás da enfermidade e penso que o sistema debería cambiar para que todo isto deixe de ser así”. Como investigadora que leva anos, asegura, “vivindo de primeira man as condicións e dificultades desta carreira no noso país”, Nerea Gestoso defende a necesidade de facer un maior investimento en investigación para conseguir avances importantes en enfermidades tan complexas como o cancro.
Precisamente, realizar unha doazón para impulsar a investigación, neste caso o proxecto Alacarta do Grupo de Inmunoloxía da UVigo, é un dos obxectivos tras a decisión da familia de Noelia de poñer á venda unha liña de bombóns artesáns, para coa recadación obtida “axudar un pouquiño a unha investigación que poida mellorar o prognóstico e alongar a vida de pacientes coma ela. Neste sentido, o Grupo de Inmunoloxía pareceunos un bo candidato, xa que están traballando precisamente coa súa enfermidade concreta”, explica Nerea Gestoso. A irmá de Noelia detalla que o proxecto xurdiu e levouse a cabo nun período de tempo curto, “pero que temos decido manter ao longo dos anos, sempre apoiando a ciencia e a investigación mentres recordamos a miña irmá, facendo edicións especiais de distintos produtos de Dubraseda por e para ela”.
“De orgullo e responsabilidade” cualifica África González a decisión da familia de Noelia Gestoso de doar os beneficios da venda dos bombóns ao Grupo de Inmunoloxía, que hai anos recibira unha doazón dun grupo holandés para traballar en cancro, despois de que un familiar falecese desa enfermidade.
Como colaborar co proxecto
En caixas de 15 pezas, os bombóns artesáns da edición limitada Noelia poden adquirirse en tendas gourmet e outros negocios en diferentes puntos das catro provincias galegas como Pontepan, Terra Ibérica, Copena, Pernas Multicentro, Amaranto, Bakery Concept Store e Distribuciones Troulo. As caixas de bombóns tamén se distribuirán en puntos do resto de España, concretamente en Barcelona (Espinaler), Zaragoza (Pannitelli Original Bakery) e Cantabria (Sobaos el Macho) e tamén de xeito presencial na sede da empresa Dubraseda, no polígono de Augalevada en Noia.
Fonte: DUVI