GL EN
Twitter bSky

News

16 October 2026CINBIO lanza un proxecto para trasladar os compromisos da sostibilidade das políticas científicas á toma de decisións en I+D

En colaboración con NanomedCSIC, xunto coa colaboración da FECYT

O programa arrancou co Foro NaSOS, celebrado onte no campus de Vigo

Trasladar os compromisos da sostibilidade das políticas científicas ao día dos proxectos, os laboratorios e a toma de decisións en I+D é a principal motivación do proxecto NaSOS – Nanomedicina sostenible: retos y soluciones, unha iniciativa coordinada polo CINBIO (Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, e pertencente á Rede CIGUS), desenvolvida en colaboración con NanomedCSIC, xunto coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, F.S.P. -  Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades (FECYT).

O proxecto, financiado na convocatoria de axudas para o fomento da Cultura da Innovación Pública (I+P) 2025 de FECYT, utiliza a nanomedicina como ámbito piloto para analizar de forma práctica como integrar a sostibilidade desde unha perspectiva ampla, desde o deseño e a seguridade, ata a transferencia e aplicación final, pasando pola calidade da evidencia científica e a actividade no laboratorio.

“O asesoramento científico a través dun foro participativo, talleres de cocreación, diversas actividades formativas e a futura Guía NaSOS como principal futuro resultado do proxecto, converterán esta iniciativa nunha grande oportunidade para avanzar na integración práctica da sustentabilidade na investigación en nanomedicina”, explican desde o CINBIO.

Lanzamento do proxecto: Foro NaSOS

A sala de seminarios de Torre CACTI, situada no campus universitario de Vigo, acolleu este xoves o lanzamento da iniciativa coa celebración do Foro NaSOS – Nanomedicina sostible: retos e solución, un encontro participativo que cumpriu co seu propósito de identificar e priorizar os retos, oportunidades, prácticas e necesidades relacionadas coa sostibilidade na investigación en nanomedicina, sentando así as bases para as seguintes acción do proxecto.

A xestora do CINBIO, Noa Caramés, e María del Puerto Morales Herrero, coordinadora de NanomedCSIC; foron as encargadas de darlle a benvida ás persoas asistentes na apertura institucional do foro, que tamén contou coa participación de Lorena Blach, da Unidade de Xestión do CINBIO e membro do equipo de NaSOS, encargada de presentar o obxectivo do proxecto, os eixes de análise do foro e a súa relación cos que serán os próximos talleres de cocreación e outras accións formativas.

Lorena Blach presentou o proxecto NaSOS

Seguidamente Miguel Rodríguez Méndez, Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, director do grupo GEN e membro de ECOBAS, abriu a sesión aberta a toda a comunidade universitaria, co seu relatorio Integrar a sostibilidade na investigación: por que, para que e por onde comezar, no que ofreceu unha aproximación transversal a como traducir a sostibilidade en decisións concretas de I+D arredor da avaliación de impactos, a perspectiva de ciclo de vida, a economía circular e os criterios ou indicadores útiles para investigar, proporcionando un marco xeral, sen limitarse ás especificidades da nanomedicina.

Cara a unha nanomedicina máis segura e sostible: do deseño á traslación foi o título do segundo relatorio da sesión, ofrecido conxuntamente por Carlos Rumbo Lorenzo (ICCRAM-EST, Universidade de Burgos. Nanosafety, seguridad y Safe and Sustainable by Design) e Rebeca Alonso Bartolomé (Nanovex, Nalón Innova). As súas intervencións serviron para achegar aos asistentes como se avalía a seguridade de nanomateriais no laboratorio desde o deseño; ademáis de abordar os requisitos regulatorios e as decisión de deseño que permiten fabricar e escalar solución nanotecnolóxicas, aportando exemplos de biotecnoloxía e cosmética.

As conferencias iniciais deron paso a unha mesa redonda sobre as condicións para integrar a sostibilidade na investigación en nanomedicina, que contou coa participación de Luis Liz Marzán (CINBIO-UVigo / CIC biomaGUNE), Miguel Rodríguez (GEN / ECOBAS), Carlos Rumbo Lorenzo (ICCRAM-EST), Enrique Rohrer (GAIN) e Noelia Vilar Vidal (FEUGA); que puxeron en común diferentes perspectivas da investigación científica, desde a avaliación da sostibilidade, ata a seguridade de nanomateriais, pasando polas políticas de innovación e a transferencia tecnolóxica.

Un intre da mesa redonda

Seguidamente, deu comezo unha sesión técnica composta por catro mesas de traballo simultáneas arredor de temáticas como o deseño seguro e sostible na investigación; a calidade, fiabilidade e trazabilidade da evidencia científica; a xestión sostible dos laboratorios e da actividade investigadora; e a aplicación, transferencia e impacto sanitario e social. Segundo explican desde o equipo de traballo do proxecto, “as conclusións obtidas nas mesas de traballo servirán como punto de partida para os vindeiros talleres de cocreación, as actividades formativas e a elaboración da futura guía NaSOS, que conformarán o proxecto ao longo dos vindeiros meses”.

Unha das mesas temáticas da sesión técnica participativa