GL EN

News

19 September 2023Comeza un novo curso conectando a "Ciencia con C de CINBIO"

Como cada inicio de curso, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, celebrou o seu ciclo de divulgación científica "Ciencia con C de CINBIO" co principal obxectivo de dar a coñecer ao público xeral as investigacións e a ciencia que se está a levar a cabo na actualidade no centro, dando visibilidade ao traballo diario do equipo que o conforma.

Unha vez máis, o CINBIO saiu á rúa e abriu as súas portas para compartir a ciencia coa sociedade en xeral, e que calquera persoa interesada puidese acceder de primeira man ao proceso de xeración de coñecemento na investigación, grazas a esta actuación cofinanciada pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional: Unha maneira de facer Europa.

Ciencia nas rúas de Ourense e Vigo

O pasado luns 4 de setembro, Ourense acolleu a primeira acción de "ciencia na rúa" desta programación. Ao longo de toda a tarde, o público ourensán puido achegarse ata a carpa habilitada polo CINBIO na Rúa do Paseo e coñecer de preto o traballo que se fai desde un centro de investigación coma este. Ademais do persoal de xestión do centro, tamén estivo a pé de rúa o persoal investigador do grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ-2) e do grupo de Sistemas Informáticos de Nova Xeración (SING), que amenizaron a tarde das e dos visitantes con divertidos xogos e experimentos como a creación de “boliñas de cores” a partir do alginato, un composto que se obtén a partir de algas; un “xogo de maxia” a través do uso de polímeros hiperhidratables; ou a demostración dunha “hipnosis falsa” xirando un disco que satura os receptores do cerebro do movemento.

Unha semana depois, a programación de Ciencia con C de CINBIO achegouse ao público vigués. As persoas interesadas puideron visitar a carpa habilitada polo CINBIO na Rúa do Príncipe da cidade de Vigo e pasar unha tarde diferente, coñecendo o labor do persoal investigador do centro e participando nunha pequena xincana científica e divertidos experimentos.

O CINBIO abre as súas portas

O venres 15 de setembro chegou o gran día. O CINBIO abriu as sús portas á cidadanía, nunha xornada que tivo unha gran acollida, chegando a cubrirse as 80 prazas ofertadas e participando persoas de todas as idades, desde os 5 ata os 93 anos.

Tras recibir a benvida por parte do director do CINBIO, Miguel Correa, as persoas participantes fixeron un percorrido polos diferentes laboratorios do centro, nos que as investigadoras e investigadores do mesmo relataron en primeira persoa en que consiste o seu traballo. Ademais, as e os visitantes tiveron a oportunidade de converterse en científicas e científicos por un día, sendo protagonistas de sinxelos e lúdicos experimentos organizados polo persoal dos grupos de investigación SING, FunNanoBio, Neurocircuits, TeamNanoTech, ORCHID, Filoxenómica e Inmunoloxía.

"Frotis de sangue" e o "Ensaio ELISA", foron algunhas das actividades ofrecidas polo grupo de Inmunoloxía no seu laboratorio, no que as persoas visitantes tamén puideron analizar dous tipos de mostras de células tumorais no microscopio para estudar se a vacina desencadea unha resposta inmunolóxica.

"Neurocircuítos fantásticos e onde atopalos". Este é o título da actividade organizada polo grupo Neurocircuits, que amosou ás persoas participantes modelos en 3D dos materiais que utilizan na súa investigación, ademais de facer unha exhibición de cortes histolóxicos na sala de microscopía.

A creación dun fío de Nylon foi a atracción principal do experimento práctico ofrecido polo grupo ORCHID, tras explicar os aspectos xerais da Química Orgánica e expor exemplos reais dos usos da que é a área fundamental do seu traballo diario.

Pola súa banda, as "Nanopartículas Plasmónicas" foron as protagonistas da actividade promovida polo grupo FunNanoBio. As e os visitantes puideron experimentar como funciona a síntese das mesmas e explorar as súas posibilidades cromáticas.

Precisamente, as nanopartículas, as nanocápsulas e os nanocatalizadores tamén estiveron presentes nas actividades do grupo de investigación TeamNanoTech. Nos seus laboratorios, o público puido participar en experimentos moi lúdicos como "O xenio da botella".

As investigadoras do grupo de Filoxenómica organizaron un divertido obradoiro no que as e os participantes puideron realizar a extracción de ADN a partir de mostras de plátano.

Ademais, persoal do grupo SING participou nesta xornada de portas abertas impartindo unha charla sobre a Intelixencia Artificial, tras a cal o público asistente tamén tivo a oportunidade de participar nunha divertida xincana científica adaptada a todas as idades.

Foi unha xornada moi especial, chea de ciencia, de sorrisos, curiosidade e moita aprendizaxe. Desde o CINBIO queremos dar o noso agradecemento a todas as persoas que o fixeron posible.

Vémonos o próximo ano con máis ciencia!