News
A creación de spin-offs foi o foco da nova xornada celebrada hoxe no CITEXVI
Compartir experiencias e leccións aprendidas na creación de spin-offs foi o eixe central dunha xornada centrada no emprendemento e celebrada esta mañá no edificio CITEXVI. No acto de benvida, Diana Valverde, subdirectora do CINBIO e líder do seu grupo de Enfermidades Raras, destacou a importancia de este tipo de iniciativas para fomentar a transferencia do coñecemento académico.

A subdirectora do CINBIO Diana Valverde foi a encargada de dar a benvida
A responsable do programa Woman Emprende e coordinadora do proxecto Innovatia 8.3, Eva López, foi a encargada de abrir o acto cunha sesión formativa, ofrecendo unha análise da investigación, a transferencia e o emprendemento no ámbito universitario desde unha perspectiva de sexo/xénero. O seu relatorio deu paso a un segundo bloque no que as persoas asistentes puideron coñecer de preto casos de éxito na creación de spin-offs dan man de Ekaterina Kravets, encargada de Operacións e CMO de Neutron Insights e Pablo Cabanelas, CEO da mesma empresa; Daniel García, CEO e Cofundador de EnergHius; e Juliana Cruz, CEO e Cofundadora de Biosolve4all e de NIT-NITTextile. A cita pechou cunha sesión de networking, precedida por unha mesa redonda na que tanto asistentes como relatores compartiron as súas experiencias e debateron sobre os desafíos que supón a creación dunha empresa desde o ámbito académico.

Eva López abriu a xornada cunha sesión formativa

Pablo Cabanelas, Daniel García e Juliana Cruz participaron na mesa redonda moderada por Eva López
Trátase dunha das iniciativas enmarcadas no programa EMPREN+AP que, motivado pola urxencia de políticas eficaces que faciliten a transferencia do coñecemento académico cara o sector produtivo, e coordinado polo CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS, arrancou no mes de maio de 2025, sendo unha das 50 propostas cofinanciadas a través da actual Convocatoria I+P de ayudas a la experimentación e innovación de políticas públicas da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) en colaboración co Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e a Oficina Nacional de Asesoramiento Científico (ONAC). Ademais, o programa intégrase no marco estratéxico RIS3 Galicia 2021-2027, contribuíndo a fortalecer os vínculos entre o persoal científico experto e o persoal da Axencia Galega de Innovación (GAIN), entidade colaboradora do programa.
“A nosa idea era deseñar un programa de capacitación e facilitar o emparellamento entre o persoal do CINBIO, experto en nanomateriais e biomedicina, co persoal da Axencia Galega de Innovación (GAIN), co fin de enriquecer as actuacións que xa tiñamos en marcha no ámbito da transferencia e innovación no noso centro”, comenta Pilar Montes, responsable da Unidade de Transferencia e Innovación do CINBIO e parte do equipo promotor do proxecto. “O proxecto responde á necesidade de colaboración entre as administracións públicas e o tecido empresarial de cara a promover a cultura de innovación neste ámbito”, subliña desde CINBIO.
En maio do pasado ano a xornada “Do coñecemento á acción: emprendemento no ámbito académico” supuxo o lanzamento de EMPREN+AP e, tras ela, sucedéronse diferentes accións como o foro de políticas públicas para a innovación e o emprendemento, a recente xornada de capacitación científico-tecnolóxica, ou encontro “Redeiras-Beyond the lab”, que puxo o foco na importancia das redes, tanto internas como externas, que unan investigación coa creatividade, a empresa coa universidade ou a tecnoloxía coa sociedade. A principios do vindeiro mes de xullo EMPREN+AP acollerá un novo seminario sobre transferencia de coñecemento, que porá o punto final a este programa formativo.
CINBIO conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
Como centro adscrito á rede CIGUS (Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia) está cofinanciado con Fondos Europeos
#teamCINBIO #RedeCIGUS #FondosEuropeos