News
Entrevista con José Antonio Lamas, IP do grupo de Neurociencias do CINBIO
“Somos o único grupo de investigación en toda Galicia que emprega a técnica patch clamp para o estudo de canais iónicos”.
Doutor en Bioloxía e profesor titular da Universidade de Vigo, José Antonio Lamas comezou no grupo de Neurociencias no ano 1997 na Facultade de Bioloxía da universidade. O pasado ano, o grupo trasladou a súa actividade ás instalacións do CINBIO dende onde leva actualmente a cabo a súa labor investigadora.
¿Cales son as principais liñas de investigación do grupo de Neurociencias que lideras?
A nosa principal liña de investigación céntrase na detección de canais de potasio de dobre dominio de poro (K2P) no Sistema Nervioso Autónomo. O interese desta investigación reside no feito de que estes canais son a última gran familia de canais de potasio descuberta e poden ser de gran importancia para o patrón de funcionamento do Sistema Nervioso Autónomo. Este estudo englóbase nun proxecto promovido polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade (MINECO) dunha duración de 3 anos.
¿Que indicadores destacarías do voso grupo de investigación?
Unha das potencialidades do noso grupo é a capacidade de captar financiamento, especialmente nacional, xa que dende 1998 fomos encadeando varios proxectos competitivos financiados polo MINECO. Ademáis, fomos recoñecidos como grupo de referencia (Grupo de Potencial Crecemento) pola Xunta de Galicia no marco das axudas para a Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas do Sistema Universitario de Galicia. Neste proxecto tamén participa Federico Mallo Ferrer, Investigador Principal do grupo de Endocrinoloxía.
¿Con que outros grupos de investigación a nivel nacional e internacional mantedes colaboracións dende o grupo?Levamos a cabo múltiples colaboracións, especialmente con grupos de investigación españois. Unha das maiores colaboracións produciuse no Programa CONSOLIDER-INGENIO 2010, a través do proxecto SICI (polas súas siglas en inglés, Spanish Ion Channel Initiative), que nos posibilitou traballar xunto a outros 25 grupos de investigación de toda a xeografía española, dedicados ao estudo dos canais iónicos. O proxecto desenvolveuse en 6 anos (2008-2014) e contou cun financiamento total de 6.000.000€.
Na actualidade, temos tamén en marcha colaboracións con outros grupos de investigación do propio CINBIO, como por exemplo co grupo de Endocrinoloxía ou o de Química Orgánica, favorecendo a conformación dun ecosistema de coñecemento que redunda nun beneficio na relevancia e potencialidade das nosas liñas de investigación.
¿Que valor diferencial destacarías do grupo de Neurociencias respecto a outros grupos similares?
O noso grupo destaca por ser o único en toda Galicia en empregar a técnica patch clamp, que permite o estudo individual ou múltiple de canais iónicos. Esta técnica, desenvolvida por Erwin Neher e Bert Sakmann, é a base de destacados descubrimentos posteriores no campo da medicina e a farmacoloxía (Neher e Sakmann recibiron o Premio Nobel en Fisioloxía ou Medicina en 1991 por tan importante avance).
Dende o grupo, participamos recentemente nun encontro con Erwin Neher, xunto con outros expertos en neurociencias das tres universidades galegas e dos centros de investigación da nosa comunidade autónoma.