News
Chega setembro, o mes dos inicios, os reencontros e as novas oportunidades... Co fin de volver á rutina con enerxías renovadas e dar resposta ás inquedanzas das mentes máis curiosas , o persoal investigador do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, ofrecerá o seu clásico ciclo de actividades de divulgación científica reivindicando, un ano máis, a ‘Ciencia con C de CINBIO’. Como vén sendo habitual, o equipo promotor desta iniciativa sairá á rúa e abrirá as portas dos seus laboratorios co firme propósito de dar visibilidade ao traballo diario que realizan as científicas e científicos deste centro de investigación, pertencente á Rede CIGUS, e seguirá apostando pola “ciencia accesible para todas e para todos co fin de fomentar as vocacións científicas”, subliña o seu director, Miguel Correa. A programación de actividades arrancará o vindeiro martes 9 pola tarde cunha carpa informativa e lúdica que se instalará na rúa do Príncipe de Vigo, e concluirá o venres 12 co seu prato estrela: a xornada de portas abertas. Trátase dunha iniciativa cofinanciada pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea (Fondos FEDER).
Carpa lúdica na rúa do Príncipe

Na carpa informativa e lúdica da pasada edición de 2024
A instalación dunha carpa lúdica e informativa na céntrica rúa do Príncipe, en Vigo, será a actividade previa encargada de preparar o ambiente para a celebración da xornada de portas abertas. Entre as 16.30 e as 20.30 horas do martes 9 de setembro as mentes máis curiosas da contorna poderanse achegar para coñecer de preto o traballo que se fai desde un centro de investigación como o CINBIO, especializado en nanomateriais e biomedicina. Xunto ao persoal de xestión do centro, tamén estarán a pé de rúa científicas e científicos de grupos de investigación como o de Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ-2) e o de Evolución Molecular Computacional (CME), que ofrecerán ao público vigués experiencias tan interesantes como a formulación de divertidos biomateriais en diferentes formatos, desde esferificacións ata xeles de cores, ou xogos cos que explicarán dun xeito sinxelo como funciona a evolución dos organismos. Ademais, o público poderá participar de balde noutras actividades como a ruleta científica e optar a diferentes premios e agasallos, ou elaborar unha pulseira de contas ultravioletas tras descubrir a base tecnolóxica que hai detrás dela.
Xornada de portas abertas do CINBIO

O venres 12 de setembro a clásica xornada de portas abertas do CINBIO concluirá este ciclo de divulgación científica aberto a todas as idades e todos os públicos. O centro de investigación abrirá as portas dos seus laboratorios situados no campus universitario de Vigo arredor das 16:00 horas para ofrecer unha experiencia única a un grupo de arredor de 70 persoas que, inscritas previamente, terán a oportunidade de coñecer ao persoal investigador do CINBIO e adentrase nos seus laboratorios para experimentar coa ciencia e dar resposta a preguntas científicas dun xeito ameno e divertido. Para poder asistir a este particular percorrido de aproximadamente tres horas de duración é necesario reservar praza a través do formulario que desde hoxe xa está dispoñible na páxina web do centro.

Nesta nova edición de ‘Ciencia con C de CINBIO’, a visita incluirá sinxelas demostracións prácticas sobre a interacción da luz coa nanomateria, a encapsulación de fármacos e nanopartículas en polímeros ou sobre as propiedades cromáticas das nanopartículas; así como o obradoiro ‘o ADN nas túas mans’, a presentación dos anticorpos como ferramenta de laboratorio ou o descubrimento do impulso eléctrico neuronal. Todas elas organizadas con moito agarimo por integrantes de grupos de investigación como o TeamNanoTech (TNT), Comunicación celular en cancro e en enfermidades asociadas á idade (CellCOM), Neurocircuits, o Grupo de NanoBioMateriais Funcionais (FunNanoBio), Filoxenómica, Nanomateriais Biomiméticos (Biomimat) ou o grupo de Inmunoloxía do CINBIO.
O CINBIO é un centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER e adscrito á rede de centros CIGUS (Centros de Investigación del Sistema Universitario de Galicia), promovida e financiada pola Xunta de Galicia.
#teamCINBIO #FondosEuropeos #CIGUS