GL EN

News

23 January 2024Estudantes do Programa Universitario de Maiores visitan o CINBIO

O persoal do CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, recibiu esta mañá unha visita moi especial por parte do alumnado que cursa a materia de Cultura Científica dentro do Programa Universitario de Maiores (PUM) promovido pola mesma universidade.

Arredor das once de mañá chegaban ás instalacións do CINBIO no campus universitario de Vigo un total de 25 estudantes aos que lles agardaba unha mañá diferente, chega de ciencia e de divulgación. Tras unha agarimosa benvida por parte do persoal de xestión do centro de investigación, o grupo de visitantes tivo a oportunidade de coñecer de preto o traballo desenvolvido polo persoal do grupo de Química Orgánica (ORCHID) e o grupo Neurocircuits do CINBIO.

Ademais de coñecer diferentes experimentos, na visita ao laboratorio do grupo Neurocircuits afondaron na evolución do cerebro mediante a comparación de maquetas de diferentes especies, aprendendo sobre como o cerebro produce movementos oculares. Para rematar a estancia con este grupo, descubriron como se pode medir a actividade illada de neuronas individuais mediante a técnica de patch-clamp, ademais das técnicas de trazadores neuronais que emprega o persoal investigador para analizar as conexións do cerebro.

Charla do investigador Juan Pérez, do grupo Neurocircuits

Por outra banda, baixo o título “O mundo das moléculas. Arquitectos moleculares”, as investigadoras do grupo de Química Orgánica (ORCHID) prepararon unha actividade divulgativa  que arrancou cunha primeira reflexión arredor do papel protagonizado pola Síntese Orgánica no avance e no benestar da nosa sociedade grazas ao desenvolvemento de novas moléculas que cambiaron o mundo. Ao longo desta charla práctica, o alumnado do PUM puido achegarse dun xeito sinxelo ás dificultades ás que se enfrontan os químicos orgánicos durante o proceso de obtención dunha molécula de entre un mundo de posibilidades.

Charla das investigadoras Rosana Álvarez e Belén Vaz, do grupo ORCHID

Desde o CINBIO agardamos darlle continuidade a este tipo de iniciativas que achegan a ciencia dun xeito lúdico a todo tipo de públicos porque... ¡nunca é tarde para espertar a científica ou o científico que levamos dentro!