GL EN
Twitter bSky

News

09 June 2026María Mayán obtén a VIII Bolsa FERO en cancro de mama para desenvolver novas inmunoterapias fronte aos tumores sólidos

A investigadora do CINBIO liderará un proxecto destinado a mellorar a capacidade das terapias CAR-NK para identificar e combater as células tumorais

A investigadora María Mayán, do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), pertencente á Rede CIGUS, vén de ser distinguida coa VIII Bolsa FERO en Cancro de Mama, unha axuda destinada a impulsar proxectos innovadores no ámbito da oncoloxía. O financiamento permitirá desenvolver unha nova estratexia de inmunoterapia orientada a mellorar o tratamento do cancro de mama mediante o perfeccionamento das terapias celulares CAR-NK, unha das aproximacións máis prometedoras da medicina personalizada actual.

María Mayán na gala celebrada no serán deste luns en Barcelona

O proxecto, titulado CAR-NK immunotherapy with improved tumor-targeting capabilities, desenvolverase desde o CINBIO en colaboración coa Unidade de Mama do Hospital Álvaro Cunqueiro, o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IIS Galicia Sur) e Sébastien Wälchli, investigador do Oslo University Hospital. O seu obxectivo é aumentar a capacidade das células NK modificadas xeneticamente para recoñecer e destruír de forma máis eficaz as células tumorais presentes nos tumores sólidos.

Mayán co equipo da Unidade de Mama do Hospital Álvaro Cunqueiro

Novas estratexias de inmunoterapia contra o cancro de mama

As terapias CAR-NK baséanse no emprego de células do sistema inmunitario deseñadas para localizar e atacar células cancerosas específicas. A diferenza doutras estratexias terapéuticas, ofrecen a posibilidade de actuar de maneira máis selectiva sobre o tumor e reducir os efectos adversos asociados aos tratamentos convencionais. A investigación liderada por Mayán centrarase en mellorar a capacidade destas células para penetrar no tecido tumoral e manter a súa actividade unha vez no interior do tumor, dous dos principais desafíos para a aplicación destas terapias en cancro de mama.

“A inmunoterapia está a transformar a forma de abordar numerosos tipos de cancro. Terapias celulares como as CAR-T xa demostraron unha gran eficacia en determinados tumores hematolóxicos, pero os tumores sólidos continúan presentando importantes retos. O noso obxectivo é desenvolver novas ferramentas que permitan trasladar estes avances a máis pacientes e aumentar a eficacia da resposta inmunitaria fronte ás células tumorais”, explica a investigadora.

María Mayán con Olivia Manjón, directora xeral de GHD en España e Portugal

Da investigación básica á aplicación clínica

Desde o CINBIO destacan que a concesión desta bolsa supón un importante recoñecemento á traxectoria científica de María Mayán e ao potencial dunha liña de investigación con claras perspectivas de transferencia clínica. Neste sentido, o director do centro, Miguel Correa, subliña que “esta axuda pon en valor a calidade científica do traballo desenvolvido e reforza a aposta do CINBIO por impulsar investigacións capaces de xerar novas oportunidades terapéuticas para os pacientes”.

A VIII Bolsa FERO en Cancro de Mama forma parte do programa de apoio á investigación promovido pola Fundación FERO para acelerar o desenvolvemento de proxectos innovadores en oncoloxía. A convocatoria busca favorecer a transferencia dos avances científicos á práctica clínica e contribuír ao desenvolvemento de novas opcións terapéuticas para as persoas afectadas por esta enfermidade.