GL EN
Twitter bSky

News

19 November 2025O CINBIO abre as inscricións da cuarta edición de CinVigo, o festival científico que converte o centro da cidade nun gran laboratorio

Celebrarase a fin de semana do 25 e 26 de abril coa colaboración da FECYT

Os centros educativos e de ensinanza non regrada poden inscribirse ata o 9 de febreiro

 A cuarta edición do festival científico CinVigo xa está en marcha. O evento, impulsado polo CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS, volverá transformar o centro da cidade nun gran laboratorio aberto a todas as mentes curiosas. Nesta nova convocatoria, o alumnado de ensino medio segue sendo o gran protagonista dun encontro que busca achegar a ciencia á cidadanía dun xeito divertido e moi participativo.

 “Queremos que o alumnado vexa que facer ciencia está ao seu alcance, que as súas ideas poden ter un impacto real. Cada proxecto presentado en CinVigo é unha semente de futuro para a investigación e para o noso territorio”, subliña o responsable do centro, Miguel Correa.

 Baixo o lema Ciencia na rúa, e coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, Vigo acollerá o festival os días 25 e 26 de abril de 2026.

A cuarta edición do festival terá lugar o 25 e 26 de abril de 2026

Tres categorías de participación

CinVigo lanza unha nova chamada á participación dos centros de ensino medio de toda España. Un ano máis, a feira científica será o eixe central do evento, na que estudantes de Secundaria, Bacharelato e ciclos de Formación Profesional terán a oportunidade de converterse en científicas e científicos por unha fin de semana.

Os proxectos participantes serán seleccionados por un comité científico do CINBIO a través dun concurso aberto a todos os centros educativos que impartan Secundaria, Bacharelato ou FP. A convocatoria inclúe tres categorías: Early Researchers, Young Researchers e Teen Researchers; adaptadas aos distintos niveis educativos. Ademais, establécense premios especiais como a participación noutra feira científica ou unha estancia no CINBIO, co obxectivo de fomentar vocacións científicas entre a mocidade.

O prazo de inscrición para o concurso permanecerá aberto ata o 9 de febreiro, e tanto as bases completas como o formulario de participación están dispoñibles na páxina web oficial do evento.

Foto de familia da anterior edición da feira, o pasado mes de abril

Espectáculos científicos, obradoiros e moito máis

As persoas visitantes poderán coñecer de preto os traballos do persoal investigador do CINBIO, especializado en biomedicina e nanomateriais, ademais de desfrutar dunha ampla programación que incluirá espectáculos científicos, obradoiros infantís e a xa tradicional xincana científica.

O evento consolídase así como unha cita de referencia coa divulgación científica en Galicia, que converte Vigo nun punto de encontro entre a ciencia, a educación e a sociedade.

O CINBIO é un centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER e adscrito á rede de centros CIGUS (Centros de Investigación del Sistema Universitario de Galicia), promovida e financiada pola Xunta de Galicia.

#teamCINBIO #FondosEuropeos #CIGUS