News
Dos 3 ata os 86 anos. Estas eran as idades das preto de 80 persoas que visitaron durante a tarde do pasado venres o CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, que comezou un curso máis abrindo as portas dos seus laboratorios á cidadanía co fin de amosar o seu potencial, así como o traballo diario que desenvolven as científicas e científicos dos 15 grupos de investigación que o conforman.
Baixo o lema “Ciencia con C de CINBIO”, a xornada de portas abertas comezou coa recepción das e dos visitantes por parte das traballadoras de xestión do centro e unha agarimosa benvida a cargo do director do mesmo, Miguel Correa, quen reivindicou a súa aposta pola “ciencia accesible para todas a para todos co fin de fomentar as vocacións científicas e a atraer o futuro talento”. Organizado en dous rutas diferentes e dividido en oito grupos máis pequenos co fin de facilitar unha mellor experiencia, o público asistente fixo o seu particular percorrido polo CINBIO para coñecer de preto ao seu persoal investigador e mesmo participar en primeira persoa nos experimentos e obradoiros especialmente preparados para a ocasión.
Desde unha xincana científica e actividades clásicas desta xornada como a presentación do asombroso mundo dos nanomateriais e a súa presenza na vida cotiá, o obradoiro “o ADN nas túas mans” ou a charla sobre a aplicación a IA no ámbito biomédico; ata novas accións para descubrir a interacción de nanopartículas coa luz. As curiosas e curiosos que visitaron o CINBIO achegáronse tamén ao mundo do cerebro e das neuronas, e mesmo observaron a través do microscopio larvas de mexillón marcadas fluorescentemente. Estas foron algunhas das sorpresas que tiñan preparadas as científicas e científicos dos grupos TeamNanoTech (TNT), de Inmunoloxía, Sistemas Informáticos de Nova Xeración (SING), Grupo de NanoBioMateriais Funcionais (FunNanoBio), Filoxenómica, Neurocircuits, Nanomateriais Biomiméticos (Biomimat) e Comunicación celular en cancro e en enfermidades asociadas á idade (CellCOM).
A xa clásica xornada de portas abertas do CINBIO formou parte dun ciclo de actividades de divulgación científica, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea (FEDER), e que, baixo o lema Ciencia con C do CINBIO, incluía tamén accións previas a pé de rúa no centro das cidades de Ourense e Vigo.
A programación na rúa arrancou as súas actividades a través da instalación dunha carpa informativa e lúdica nas céntricas rúas do Paseo, en Ourense, e do Príncipe, en Vigo. Entre as 16.00 e as 20.00 horas do xoves 5 de setembro, máis de 500 persoas achegáronse a coñecer de preto o traballo que se fai nun centro de investigación como CINBIO, nesta ocasión xunto ao persoal de xestión do centro, estivo tamén a pé de rúa científicas e científicos do grupo de investigación Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ-2), que ofreceron ao público ourensán divertidos experimentos con algas empregando os seus biopolímeros para a formulación de diferentes matrices xelificantes (desde esferificacións de alxinatos de cores a posibles películas/films comestibles).
Pola súa banda, o martes 10 de setembro foi o turno e Vigo, onde máis de 800 persoas visitantes da carpa tiveron a oportunidade de participar nunha pequena xincana científica e mesmo gañar algún que outro premio tras xogar na ruleta científica.
O ciclo "Ciencia con C de CINBIO", pechou así o ano 2024 con case 1400 persoas alcanzadas coas súas actividades e voltou a ser un verdadeiro éxito de divulgación para persoas de todalas idades. Agradecemos de novo a colaboración de todo o noso persoal investigador, técnico e de xestión sen o cal nada disto sería posible.