GL EN

Novas

16 setembro 2024O CINBIO abriu as súas portas para celebrar unha tarde de ciencia aberta á cidadanía

Dos 3 ata os 86 anos. Estas eran as idades das preto de 80 persoas que visitaron durante a tarde do pasado venres o CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, que comezou un curso máis abrindo as portas dos seus laboratorios á cidadanía co fin de amosar  o seu potencial, así como o traballo diario que desenvolven as científicas e científicos dos 15 grupos de investigación que o conforman.

Baixo o lema “Ciencia con C de CINBIO”, a xornada de portas abertas comezou coa recepción das e dos visitantes por parte das traballadoras de xestión do centro e unha agarimosa benvida a cargo do director do mesmo, Miguel Correa, quen reivindicou a súa aposta pola “ciencia accesible para todas a para todos co fin de fomentar as vocacións científicas e a atraer o futuro talento”. Organizado en dous rutas diferentes e dividido en oito grupos máis pequenos co fin de facilitar unha mellor experiencia, o público asistente fixo o seu particular percorrido polo CINBIO para coñecer de preto ao seu persoal investigador e mesmo participar en primeira persoa nos experimentos e obradoiros especialmente preparados para a ocasión.

Desde unha xincana científica e actividades clásicas desta xornada como a presentación do asombroso mundo dos nanomateriais e a súa presenza na vida cotiá, o obradoiro “o ADN nas túas mans” ou a charla sobre a aplicación a IA no ámbito biomédico; ata novas accións para descubrir a interacción de nanopartículas coa luz. As curiosas e curiosos que visitaron o CINBIO achegáronse tamén ao mundo do cerebro e das neuronas, e mesmo observaron a través do microscopio larvas de mexillón marcadas fluorescentemente. Estas foron algunhas das sorpresas que tiñan preparadas as científicas e científicos dos grupos TeamNanoTech (TNT), de Inmunoloxía, Sistemas Informáticos de Nova Xeración (SING), Grupo de NanoBioMateriais Funcionais (FunNanoBio), Filoxenómica, Neurocircuits, Nanomateriais Biomiméticos (Biomimat) e Comunicación celular en cancro e en enfermidades asociadas á idade (CellCOM).

A xa clásica xornada de portas abertas do CINBIO formou parte dun ciclo de actividades de divulgación científica, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea (FEDER),  e que, baixo o lema Ciencia con C do CINBIO, incluía tamén accións previas a pé de rúa no centro das cidades de Ourense e Vigo.