GL EN

News

16 February 2023O CINBIO acolle un taller práctico para fomentar a transferencia e a innovación

A transferencia do coñecemento científico é un dos obxectivos primordiais dun centro de investigación como o CINBIO. Con esta idea como base e co propósito de achegar a investigación que se fai no centro ao tecido empresarial, desde o CINBIO se organizan seminarios que permiten ao seu persoal investigador interactuar con empresas, coñecer de primeira man exemplos reais de como levar unha idea do laboratorio ao mercado e, ademais, coñecer novas tecnoloxías e experiencias emprendedoras coas que inspirarse.

Como parte desta aposta pola formación en innovación e transferencia do coñecemento, esta mañá o CINBIO recibiu á spin-off BFlow a través do seminario-taller práctico “BFlow, como transferir unha idea do laboratorio ao mercado”. O director científico de BFlow, Bruno K. Rodiño, presentou esta start-up biotech galega, recentemente galardoada co premio Bioga BioEmpresa, facendo un repaso á traxectoria da mesma, que forma parte de BioIncubaTech e foi fundada no ano 2020 co obxectivo de comercializar sistemas Organ-on-a-chip para a industria farmacéutica co propósito de mellorar o descubrimento e desenvolvemento de novos fármacos, reducindo os costes e a experimentación animal.

A través dun breve taller práctico, o persoal investigador asistente tivo a oportunidade de achegarse aos produtos Organ-on-a-chip da man de Laura Vázquez, investigadora de BFlow, e comprobar a versatilidade desta tecnoloxía para aplicala ao traballo que se desenvolve no centro.

Pódese ampliar a información nesta nova do DUVI.