News
O Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) conta desde este mes de setembro co seu propio Punto Violeta dentro das súas instalacións no campus universitario de Vigo. A través dun pequeno acto de inauguración, que contou coa presenza do director do CINBIO, Miguel Correa; varios membros do Grupo de Traballo en RRI, Igualdade e Non Discriminación do centro; e da directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Águeda Gómez, o centro de investigación deu a coñecer esta nova iniciativa, pensada como un espazo aberto a todo o seu persoal técnico e investigador co obxectivo de fomentar a igualdade e a inclusión no centro, ademais de favorecer a introducción da perspectiva de xénero no traballo científico que se desenvolve desde o CINBIO.
Águeda Gómez, Miguel Correa e parte do Grupo de Traballo en RRI, Igualdade e Non Discriminación do CINBIO
O acto deu comezo cun agradecemento á Unidade de Igualdade da UVigo por parte do director do CINBIO, Miguel Correa, quen destacou que “o seu Distintivo de Igualdade foi fundamental para que este espazo, que xa tiñamos en mente, sexa por fin unha realidade”. Pola súa banda, Noa Caramés, do Grupo de Traballo en RRI, Igualdade e Non Discriminación, subliñou que esta iniciativa pretende “potenciar a cultura da igualdade dentro do noso centro e promover o equilibrio de xénero”. Tras a súa visita, Águeda Gómez felicitou ao equipo do CINBIO por crear “un espazo analóxico e físico violeta, específico para pensar no xénero” que, nas súas palabras, “é moi interesante porque é unha forma de que as axudas do Distintivo de Igualdade teñan unha permanencia e unha estabilidade no tempo”, ao que engadiu os seus desexos de que “esta boa práctica poida servir como exemplo para incentivar este tipo de espazos noutros centros e facultades da Universidade de Vigo”.
Un espazo seguro para promover a Igualdade
O Punto Violeta do CINBIO, situado no segundo andar das súas instalacións do campus de Vigo, nace co obxectivo de promover a igualdade a través de información práctica para as persoas usuarias, desde ligazóns e fontes de información oficial de utilidade en caso de sufrir acoso, ata libros de temática feminista, dispoñibles tanto para consulta no propio espazo ou como para préstamo. As persoas interesadas poderán facer a súa reserva de libros a través do formulario publicado na páxina web do centro.
“Neste novo espazo do noso centro, terá cabida todo tipo de información relacionada co xénero, o feminismo e a inclusión”, sinala Miguel Correa, quen engade que “o propósito do CINBIO é promover a sensibilización en valores igualitarios”.
Un centro pioneiro en igualdade de xénero
Desde o ano 2022 o CINBIO luce o Distintivo de Igualdade. Esta insignia recoñece desde a Universidade Vigo o esforzo por investigar, ensinar, transferir, xestionar e producir coñecemento científico, incorporando a perspectiva de xénero e feminista. Desta forma ponse en valor o traballo dos centros, das escolas e das facultades no eido do fomento da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e, deste xeito, conquerir unha universidade máis humana, igualitaria e xusta.
Ademáis, recorda Águeda Gómez, “o CINBIO foi o primeiro en demandar unha sala de lactación na UVigo”, e desenvolveu outras accións destacadas coma unha diagnose da situación do persoal do centro con respecto á igualdade.