GL EN
Twitter bSky

News

25 September 2026O CINBIO incorpora tres investigadores internacionais para impulsar novos proxectos de vangarda en nanomateriais e biomedicina

O proxecto europeo Nano4Talent continúa avanzando na súa misión de atraer e potenciar talento investigador internacional para impulsar a carreira investigadora nos eidos dos nanomateriais e a biomedicina coa incorporación dos seus tres primeiros investigadores posdoutorais Andrea Visonà, Rubén González e Mohammad Mahmoudian ao CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS.

As tres contratacións realizadas a través da primeira convocatoria do programa terán unha duración de 24 meses, e permitiralles desenvolver os seus propios proxectos de investigación interdisciplinaria, nos que estarán involucrados polo menos dous grupos das dúas principais áreas de investigación do CINBIO. Nesta ocasión, Andrea Visonà, Rubén González e Mohammad Mahmoudian traballarán da man de grupos de investigación como CellCOM, Nanomateriais Híbridos, TeamNanoTech, Filoxenómica, Inmunoloxía e Chilab.

Andrea Visonà, Rubén González e Mohammad Mahmoudian chegan ao CINBIO

“A súa chegada supón un importante paso na consolidación dos obxectivos de internacionalización, interdisciplinariedade e transferencia de coñecemento que promove esta iniciativa europea”, subliña o director do CINBIO Miguel Correa. Financiado pola Unión Europea a través dunha Acción Marie Skłodowska-Curie – Cofund do programa Horizonte Europa e coordinado polo CINBIO, Nano4Talent ten como obxectivo impulsar a excelencia científica mediante un programa internacional de contratación, formación e desenvolvemento profesional dirixido a persoal investigador posdoutoral. A iniciativa busca fortalecer a capacidade investigadora do centro e favorecer a xeración de coñecemento de vangarda en áreas estratéxicas con alto impacto científico e social.

Os tres novos investigadores posdoutorais seleccionados na primeira convocatoria de Nano4Talent foron elixidos nun proceso competitivo no que se avaliou tanto a excelencia dos seus perfís investigadores como o potencial das propostas científicas presentadas.

Andrea Visonà: investigando novos tratamentos dos sarcomas óseos

Especializado en nanomagnetismo e mecanobioloxía, o biofísico italiano Andrea Visonà foi a primeira das tres incorporación e ao CINBIO. O seu traballo sitúase na intersección entre a física, a nanotecnoloxía e as ciencias da vida, cunha especial atención ao desenvolvemento de nanopartículas magnéticas como ferramentas innovadoras para a terapia contra o cancro. Graduado en Física pola Universidade de Trento e Doutor en Nanofísica pola Universidade de Grenoble Alpes (Francia), desenvolverá o proxecto DUALMECH (Dual Mechanical and Chemical Therapy for Bone Sarcoma) desde os grupos de Nanomateriais Híbridos e CellCOM, liderados desde o CINBIO por Verónica Salgueiriño e María Mayán.

O proxecto de  investigación busca desenvolver nanopartículas magnéticas capaces de actuar simultaneamente como vehículos para a liberación dirixida de fármacos e como actuadores mecánicos, combinando terapias químicas e mecánicas para mellorar o tratamento dos sarcomas óseos. O investigador validará esta estratexia en modelos tumorais cada vez máis complexos, incluídos modelos tridimensionais derivados de pacientes e sistemas bioimpresos desenvolvidos en colaboración co International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL).

Para Visonà, a oportunidade que lle brinda Nano4Talent supón “un paso decisivo” na súa carreira investigadora grazas á súa aposta pola interdisciplinariedade, a mobilidade e o desenvolvemento profesional. Sobre a súa chegada ao centro, destaca que “as excelentes infraestruturas e a combinación de grupos de nanomateriais e biomedicina baixo o mesmo teito, que crean as condicións idóneas para levar a cabo un proxecto tan ambicioso e interdisciplinario”.

Rubén González: novas estratexias antivirais de amplo espectro

Pola súa banda, o biólogo galego Rubén González únese ao CINBIO tras desenvolver unha traxectoria investigadora internacional no ámbito da evolución viral e das interaccións entre hóspedes e patóxenos. Licenciado en Bioloxía pola Universidade de Vigo, realizou a súa tese doutoral no Instituto de Bioloxía Integrativa de Sistemas (I2SysBio), onde estudou a dinámica evolutiva dos virus en sistemas planta-patóxeno. Posteriormente desenvolveu a súa carrera en Francia, pasando polo Institut de Biologie de l’École Normale Supérieure (IBENS) e, máis tarde polo Pasteur-Roux-Cantarini no Institut Pasteur.

No marco de Nano4Talent, traballará cos grupos TeamNanoTech, CellCOM e Filoxenómica do CINBIO, liderados por Miguel Correa, María Mayán e David Posada no proxecto MEIGA (Nanomaterials Evaluation Against Viral Infections), unha iniciativa que combina viroloxía evolutiva e nanotecnoloxía para desenvolver novas estratexias antivirais de amplo espectro baseadas en nanomateriais. O obxectivo é identificar materiais con capacidade antiviral, comprender os seus mecanismos de acción e avaliar tanto a súa eficacia en diferentes modelos biolóxicos como a súa resistencia fronte á aparición de mecanismos de escape por parte dos virus.

Para González, esta oportunidade supón un paso fundamental cara á súa consolidación como investigador independente e unha valiosa oportunidade para establecer novas colaboracións científicas no centro. Ademais, destaca “a paixón, amabilidade e competencia das persoas que fan do CINBIO un centro extraordinario para desenvolver ciencia ambiciosa e de alto impacto”.

Mohammad Mahmoudian: terapias de ARN máis precisas

Cunha sólida traxectoria no ámbito da nanotecnoloxía farmacéutica, a nanomedicina, as terapias baseadas en ARN e a bioloxía do cancro, o investigador Mohammad Mahmoudian foi a máis recente incorporación. Doutor en Nanotecnoloxía Farmacéutica pola Universidade de Ciencias Médicas de Tabriz (Irán), completou previamente estudos en Nanotecnoloxía Médica e Radioloxía. Continuou a súa carreira investigodora internacional na Universidade de Alberta (Canadá) e máis tarde na Universidade de Turin (Italia).

No marco do proxecto Nano4Talent, contará ca supervisión de Rosana Simón e Rafael Rodríguez Riego dos grupos de Inmunoloxía e Chilab, respectivamente, , en colaboración coa área de nanomateriais do centro, no desenvolvemento do proxecto PANtgtPpoly-CAS13 (Targeted Hyper-Branched Cyclodextrin-Based Cationic Polymer System for CRISPR/Cas13-Mediated RNA Editing in Pancreatic Cancer). A iniciativa pretende crear unha plataforma de nanomedicina capaz de transportar de forma selectiva compoñentes da tecnoloxía CRISPR-Cas13 ata células de cancro de páncreas para silenciar moléculas de ARN implicadas na progresión tumoral e na resistencia aos tratamentos. A investigación avaliará esta aproximación en modelos celulares, organoides derivados de pacientes e modelos preclínicos, co obxectivo de establecer as bases para novas terapias de ARN máis precisas e eficaces fronte a este tipo de cancro.

Para Mahmoudian, o programa Nano4Talent representa unha oportunidade clave para “avanzar cara á independencia científica e consolidar unha liña de investigación propia no ámbito das nanoterapias baseadas en ARN”.

Unha xornada para impulsar as colaboracións entre grupos

Con motivo destas tres novas incorporacións, o equipo do CINBIO celebrou este xoves o evento Nano4Talent Researchers' Day, unha xornada deseñada para presentar oficialmente os novos investigadores posdoutorais á comunidade científica do centro e promover a súa integración nos diferentes grupos de investigación. Tras a benvida a cargo de Eldara Rodríguez Cobo, xestora de proxectos europeos da Unidade de Xestión do CINBIO e coordinadora de RRHH do programa NANO4TALENT, Andrea Visonà, Rubén González e Mohammad Mahmoudian   tiveron a oportunidade de presentar a súa experiencia investigadora e as liñas xerais dos proxectos que desenvolverán estes próximos 24 meses no CINBIO.

Imaxe doutra das actividades do Nano4Talent Researchers' Day

O encontro, que reuniu a persoal investigador das áreas de Nanomateriais e Biomedicina e persoal de xestión do centro, rematou no Teatro Vidal Bolaño do campus universitario de Vigo, que acolleu dúas actividades de teambuilding especialmente deseñadas para promover a interacción entre investigadores e investigadoras de diferentes grupos e áreas de coñecemento. Estas dinámicas permitiron crear un ambiente dinámico, participativo e colaborativo, contribuíndo a establecer novas conexións profesionais e a sentar as bases de futuras sinerxías científicas no seo do CINBIO.