GL EN

News

23 February 2023O CINBIO organiza a primeira edición do festival científico CinVigo

Son 60 os días que faltan para que chegue a Vigo o gran festival científico CinVigo, organizado polo centro de investigacións CINBIO da Universidade de Vigo co propósito de levar a ciencia ás prazas é rúas e converter o centro da cidade olívica nun auténtico laboratorio do que poida ser partícipe o gran público. Baixo o lema “Ciencia na rúa”, durante a fin de semana do 22 e o 23 de abril, o centro de Vigo acollerá este evento no que a cidadanía poderá coñecer os proxectos involucrados nunha feira científica, pero tamén participar activamente en retos, concursos ou actividades divulgativas como a xincana e os obradoiros científicos, estes últimos especialmente deseñados para público infantil.

“Desde o CINBIO, como centro de investigación de referencia, o noso obxectivo fundamental é multiplicar o retorno á sociedade en forma de coñecemento científico e formación de profesionais”, afirma Miguel Correa, director do centro de investigacións CINBIO e integrante do comité organizador desta cita, quen agradece o apoio prestado polo Concello de Vigo e engade que “con actividades divulgativas coma esta, pretendemos espertar vocacións e aumentar a cultura científica da sociedade, co fin de asegurar o futuro da investigación”.

Estudantes de Secundaria e Bacharelato, protagonistas da feira científica

O prato forte de CinVigo virá da man de estudantes de Secundaria e Bacharelato, verdadeiros protagonistas dunha feira científica que será a atracción principal do evento. Ata un máximo de 60 grupos de alumnas e alumnos terán a oportunidade de amosar os seus proxectos científicos e ofrecer as súas correspondentes explicacións ás persoas que se acheguen ata os seus stands ao longo dunha fin de semana.

Os 60 proxectos participantes serán seleccionados previamente por un comité científico formado por persoal investigador do CINBIO, a través dun concurso aberto a todos os centros que imparten Secundaria e Bacharelato, ofrecéndose tres niveis e categorías de participación cos seus correspondentes premios, como unha matrícula universitaria gratuita, a participación noutra feira científica, ou unha estancia no CINBIO: Early researchers para estudantes de 1º e 2º da ESO, Young researchers para 3º e 4º da ESO, e Teen researchers para alumnado de 1º e 2º de Bacharelato. “Buscamos traballos que expliquen fenómenos físicos, químicos ou naturais relacionados coa ciencia”, explica Correa. O alumnado seleccionado, organizado en grupos de ata catro persoas e co apoio docente dos seus centros educativos, deseñará os seus propios proxectos científicos, que finalmente mostrará e defenderá ante o gran público.

O prazo para inscribirse no concurso previo está aberto ata o venres 10 de marzo. Os centros educativos interesados nesta iniciativa poden consultar as bases do concurso así como o formulario de inscrición na páxina web do evento.

CINBIO, centro de investigación multidisciplinar

O CINBIO cofinanciado con fondos FEDER, é un dos oito Centros de Investigación do Sistema Universitario Galego (CIGUS). Está formado por un total de dezanove grupos de investigación, contando con catro grupos júnior, materializando así a aposta do centro polo novo talento investigador.

O CINBIO é un espazo formado por máis de 200 persoas: profesores/as, doutores/as, estudantes de doutoramento e técnicos/as de laboratorio. Un esforzo da Universidade de Vigo para desenvolver o ámbito biomédico e dos nanomateriais cun elemento diferencial respecto doutros centros de similares características: a súa multidisciplinariedade. Conta con investigadores e investigadoras do máis alto nivel en varias disciplinas: medicina, bioloxía, química, física, matemáticas e informática.

 

Varios medios fixéronse eco desta nova:

> DUVI

> GCiencia

> Galicia Digital