GL EN

News

22 April 2024O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Máis de 220 estudantes de Secundaria, Bacharelato e FP de 25 centros educativos de Galicia participaron esta fin de semana na segunda edición do festival científico CinVigo. Ciencia na rúa cun total 58 proxectos, deixando claro que hai canteira para a ciencia galega. Desde unha investigación sobre os montes de Beade ata o deseño dunha neveira eficiente para o transporte de órganos, pasando por un estudo sobre a presenza de microorganismos en diferentes medios do entorno escolar. Temáticas variadas e múltiples enfoques, pero todos eles cun ingrediente común: a ilusión das que serán as futuras e futuros investigadores.

Fomentar as vocacións científicas do alumnado de ensino medio é precisamente o principal obxectivo co que o CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, organizou por segundo ano consecutivo este encontro aberto a toda a cidadanía con actividades paralelas enfocadas ás familias, como a xincana ou os espectáculos de ciencia e maxia, e outras especialmente deseñadas para as cativas e cativos da casa, como os obradoiros científicos.

Ourense, Nigrán, Cangas, Tomiño, Ponteareas, San Cibrao de Viñas, Soutomaior, Catoira, Santiago de Compostela, Redondela e, por suposto, Vigo son os concellos de procedencia do alumnado participante na feira científica que, grazas ao seu traballo previo e ás explicacións que ofreceron ás persoas asistentes ao longo das dúas xornadas que durou o festival, acadaron preto de 10.000 votos rexistrados nunha aplicación móbil coa que se decidía o premio do público.

O premio popular do público quedou na cidade olívica grazas ao proxecto Automatización del riego del césped con arduino realizado por estudantes de 1º de ESO do Colexio Apóstol Santiago. Tanto este como o resto de premios foron entregados nun acto de clausura que deu comezo ás 13:00 horas do domingo. Textil aislante térmico hecho con papel reciclado é o título do proxecto que acadou o primeiro premio da categoría Early researchers grazas ao traballo realizado por estudantes de 2º de ESO do CPR María Auxiliadora Salesianos de Vigo. Pola súa banda, na categoría Young researchers para alumnado 3º e 4º da ESO o proxecto gañador foi Respirando cambios, do IES A Guía. O acto rematou co primeiro galardón da categoría Teen researchers para o alumnado de 1º de Bacharelato do IES Carlos Casares, de Vigo, polo seu proxecto Incidencia do radón no cancro de pulmón en entornos graníticos. A Concelleira Delegada de Educación e Recursos Humanos e Formación, Olga Alonso Suárez; a Vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, Belén Rubio; o señor Alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o director do CINBIO Miguel Correa foron os encargados de entregar os devanditos premios nun emotivo acto de clausura. Na súa intervención, Correa abriu o acto pedindo un aplauso para o equipo humano do CINBIO, encargado da organización do evento, que “co seu traballo e un gran esforzo ao longo de varios meses conseguiron que CinVigo sexa hoxe unha realidade”.

A segunda edición de CinVigo, que contou coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) - Ministerio de Ciencia de Innovación, pechou así unha fin de semana para a lembranza, na que se rexistraron case 10.000 votos do público e preto de 700 cativas e cativos gozaron dos obradoiros científicos infantís.

CinVigo. Ciencia na rúa conta co financiamento da Xunta de Galicia e da Unión Europea e co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo e do Concello de Vigo, Portomédica, Büchi, Jasco, EcoClima, Termocalor, Leboriz, Fisher, Frutas Nieves, El Corte Inglés, Radio Vigo,  Coca Cola, Vodea, Service-Lab entre outras entidades, que se suman á colaboración da FECYT.

Podes consultar o álbum de fotos do evento.

Podes visionar o vídeo resumo do evento.

Esta nova foi publicada en varios medios de comunicación:

Nos días previos ao evento varios medios fixéronse eco deste festival científico: