GL EN

News

29 November 2023O grupo de Inmunoloxía do CINBIO forma parte do proxecto Iberos+

Responder aos desafíos asociados co envellecemento da poboación. Este é o principal obxectivo do proxecto Iberos+, un dos tres proxectos liderados pola Universidade de Vigo que foi seleccionado na convocatoria do programa POCTEC, e do que forma parte o grupo de Inmunoloxía do CINBIO, liderado pola investigadora África González.

Cun orzamento de preto de 2,2 millóns de euros, a coordinación do proxecto correspóndelle á UVigo e o investigador principal é Pío González, catedrático do Departamento de Física Aplicada, que explica que este novo proxecto representa a evolución natural de Iberos (Instituto de Bioenxeñería en Rede para o Envellecemento Saudable), que sentou as bases desta colaboración científica entre 2017 e 2020. O novo proxecto nace co obxectivo de que os seus socios traballen en rede para consolidar as competencias de I+D+i de excelencia no sector da biofabricación, orientada á enxeñería de órganos e tecidos e á medicina personalizada. O seu fin último é “mellorar a saúde e a calidade de vida da poboación, con especial atención ás enfermidades asociadas ao envellecemento”.

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo acolleu esta semana a xuntanza de lanzamento deste proxecto do que forman parte máis de 150 investigadoras e investigadores dos eidos da biofabricación, a enxeñería de tecidos e a medicina personalizada. En total, o consorcio está integrado por 14 entidades público-privadas da eurorrexión (cinco universidades, cinco centros de investigación e catro empresas) unidas co obxectivo de innovar no sector da biofabricación con aplicacións en saúde.

A investigadora do CINBIO África González durante a súa presentación

O consorcio de Iberos+ está formado pola Universidade de Vigo, a través do grupo de Novos Materiais do Cintecx e do grupo de Inmunoloxía do CINBIO, xunto coas universidades de Santiago de Compostela e Católica Portuguesa e Minho, coa Fundación Biomédica Galicia Sur, o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, o Servizo Galego de Saúde, o Instituto de Investigación e Innovación en Saúde da Universidade do Porto, o Instituto Superior de Enxeñaría do Porto e o Laboratório Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía.

Fonte: DUVI

Esta nova foi publicada en varios medios de comunicación: