GL EN

News

20 February 2024Persoal investigador do CINBIO participa no proxecto europeo TWINFLAG para desenvolver novas terapias para enfermidades inflamatorias articulares

Na actualidade non existen terapias eficaces para o tratamento de enfermidades dexenerativas que afectan á articulación móbil, como son a artrose ou a artrite reumatoide. Unha das maiores limitacións na procura e proba de novas terapias, especialmente en ensaios clínicos, é a falta de ferramentas para diagnosticar estas enfermidades nos seus estadios iniciais; o que sería crucial para previr o seu avance e fomentar un entorno rexenerativo que evite a dor e a incapacidade asociadas a este tipo de patoloxías. O desenvolvemento de estratexias innovadoras para identificar biomarcadores que permitan deseñar novas tecnoloxías para o diagnóstico temperán de estas enfermidades é o principal obxectivo co que se puxo en marcha o proxecto europeo TWINFLAG (Twinning for Promoting Excellence, Ability and Knowledge to develop novel approaches for targeting inflammatory and degenerative age-related joint diseases), unha iniciativa financiada ao 100% pola Unión Europea a través do programa Horizon 4.1  e coordinado cientificamente polo Centro de Medicina Innovadora de Lituania, completando o consorcio a University College de Dublín (Irlanda) e o CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo.

TWINFLAG botou a andar en xaneiro de 2023 e prolongarase ata finais de decembro de 2025. Desde o pasado mes de xaneiro forma parte do equipo do proxecto o persoal do grupo de Comunicación celular en cancro e en enfermidades asociadas á idade (CELLCOM) do CINBIO, que conta cun orzamento de 400.000 euros para o seu paquete de traballo e está liderado pola investigadora María D. Mayán Santos, que contribuíu co seu traballo ao descubrimento de novas dianas terapéuticas para o tratamento da artrose. A súa recente incorporación ao CINBIO como investigadora principal de CELLCOM reafirma a aposta deste centro de investigación da Universidade de Vigo pola captación do talento investigador.

Obxectivos principais do proxecto e achega do CINBIO

O obxectivo principal de TWINFLAG baséase na identificación de biomarcadores que favorezan o deseño de novas tecnoloxías para o diagnóstico de enfermidades inflamatorias articulares, como a artrose ou a artrite reumatoide, nos seus estadios iniciais; ademais de empregalos como marcadores de prognóstico cando se realicen ensaios clínicos ou se administre un tratamento a un paciente. “Desta maneira, poderíase avaliar se o fármaco ou a estratexia terapéutica están sendo efectivos no paciente”, afirma Mayán Santos.

Así mesmo, o desenvolvemento dunha estratexia terapéutica baseada no uso de péptidos senoterapéuticos, previamente investigados e protexidos mediante patente polo grupo de investigación CELLCOM para o tratamento da artrose, está tamén entre os obxectivos deste proxecto europeo.

“No noso grupo identificamos unha proteína de membrana implicada na inflamación e dexeneración tisular nas articulacións afectadas con artrose”, sinala a investigadora María Mayán. Este achado, recoñecido a nivel nacional e internacional, conduciu ao deseño de novas moléculas peptídicas para interferir con certas actividades desta proteína. O obxectivo é  favorecer un entorno rexenerativo ao diminuír a senescencia, inflamación e ao reducir a degradación do tecido que ocorre en pacientes con artrose.

O proxecto está dividido en varios paquetes de traballo, sendo a procura de novos biomarcadores en líquido sinovial e en modelos in vitro a tarea asignada ao persoal investigado do grupo CELLCOM do CINBIO,  ademais do desenvolvemento de novas estratexias terapéuticas baseadas no uso de péptidos para o tratamento da artrose.

“TWINFLAG representa unha oportunidade para colaborar con grupos de investigación con acceso a tecnoloxías innovadoras e permítenos compartir ideas e proxectos comúns con eles”, explican desde o grupo CELLCOM, implicado neste proxecto europeo que promove as sinerxías entre os países do norte de Europa con resto de países europeos.

CELLCOM, un grupo de recente incorporación ao CINBIO

O grupo de investigación CELLCOM (Comunicación celular en cancro e en enfermidades asociadas á idade) foi creado a principios de 2024 e, liderado pola investigadora de recente incorporación ao CINBIO María D. Mayán Santos, na actualidade está integrado por varios investigadores predoutorais e postdoutorais. Desde CELLCOM aplican a súa ampla experiencia no ámbito da biomedicina para investigar vías de sinalización e mecanismos de comunicación celular co obxectivo de identificar novas dianas terapéuticas para combater o cancro e outras patoloxías relacionadas co envellecemento como a artrose.

O vindeiro xoves 22 de febreiro, a investigadora principal de CELLCOM, María D. Mayán Santos, impartirá unha masterclass dentro do ciclo de seminarios “Coñece ao #teamCINBIO”. Terá lugar na sala de seminarios da Torre CACTI a partir as 11:30 horas.

María D. Mayán obteu o grao de doutora en Bioloxía pola Universidade Complutense de Madrid en 2006 no CIB-Margarita Salas (CSIC). Tras este período, realizou estadías de posdoutoramento en Londres, no Imperial College London e no MRC London Institute of Medical Sciences. No ano 2010, incorporouse como Investigadora Principal e posteriormente, en 2014, como Xefa de grupo (R4) no INIBIC en A Coruña. Na actualidade, dirixe o grupo de investigación CELLCOM no CINBIO. Mayán publicou máis de 30 artigos en revistas de alto impacto e rexistrou sete patentes. Ademais, foi Investigadora Principal (IP) de diferentes proxectos de investigación a nivel nacional e internacional; e coordina o grupo Muller e Ciencia na SEBBM.