GL EN

News

13 April 2023Un vídeo do CINBIO entre os 10 finalistas dun concurso internacional

O vídeo “Walking together in innovation” entra na fase final do certame organizado pola World Intellectual Property Organization (WIPO).

“Walking together in innovation”, así se titula o vídeo promovido polo CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, e protagonizado pola investigadora do grupo de Filoxenómica do mesmo centro, Loretta de Chiara, e inventora dun método non invasivo para o diagnóstico do cancro colorrectal e adenomas avanzados en pacientes asintomáticos, ademais de confundadora dunha spin-off. Ela é a protagonista dun dos dez vídeos finalistas no certame de vídeos internacional organizado pola World Intellectual Property Organization (WIPO) para conmemorar o Día Mundial da Propiedade Intelectual (26 de abril), que este ano se celebra baixo o lema "As mulleres e a Propiedade Intelectual: Acelerando a innovación e a creatividade”. A través desta historia, que mistura a realidade coa ficción, “queremos visibilizar todas as aportacións que as investigadoras do noso centro fan á sociedade e á economía grazas aos seus descubrimentos e innovación no ámbito científico”, afirma Diana Valverde, subdirectora do CINBIO e investigadora principal do laboratorio de Enfermidades Raras.

África González, Diana Valverde, Herminia Domínguez, Verónica Salgueiriño, María Formoso, María Dolores Torres e Noelia Flórez, tamén científicas de CINBIO, forman parte deste vídeo que visibiliza as súas achegas no diagnóstico de diferentes enfermidades, así como as súas invencións de tratamentos para diversos problemas relacionados coa saúde humana. ”A través das súas historias queremos reflectir o espíritu creativo e innovador de moitas nenas que un día soñaron con inventar solución a problemas da vida real”, sinala a subdirectora do centro, quen engade que “a mensaxe do vídeo é clara: a innovación é importante en investigación, polo que debemos fomentar a imaxinación e a creatividade das nenas máis novas, que serán as inventoras do futuro".

Fase final de votación do público: aberta ata o 23 de abril

Desde este xoves, e ata o vindeiro domingo 23 de abril, está aberta a fase final deste concurso de vídeos promovido pola WIPO, na que a través desta plataforma o público internacional poderá votar o que considere que é o mellor vídeo. India, Colombia, Malta, Nigeria, Estados Unidos, Puerto Rico, China ou Tanzania son os países de procedencia do resto de vídeos finalistas, o que converte ao CINBIO no único representante de Galicia e España neste certame que se celebra a nivel mundial.

O persoal do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) agradece o apoio da comunidade universitaria e da sociedade en xeral por “axudarnos a difundir o labor das nosas investigadoras polo mundo enteiro”.