GL EN
Twitter bSky

News

05 November 2026Vigo reunirá investigadores e investigadoras galegas da diáspora no IYI Meeting 2026

Organizado polo CINBIO, terá lugar o 29 de decembro no Edificio Redeiras. 

Un encontro que busca fortalecer as conexión entre a diáspora científica galega e o sistema galego de I+D+i

Vigo volverá converterse nun punto de encontro para o talento investigador galego que traballa no estranxeiro. O vindeiro 29 de decembro, o Edificio Redeiras da Universidade de Vigo acollerá a XVI edición do IYI Meeting (Encuentro de jóvenes investigador@s galleg@s en el extranjero), unha xornada dirixida a fomentar o intercambio de coñecemento, a creación de redes de colaboración e a conexión entre a comunidade científica galega que desenvolve a súa carreira fóra de Galicia e o persoal investigador que traballa actualmente no sistema galego de I+D+i.

Organizado polo CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS, o encontro aproveitará o regreso de numerosos investigadores e investigadoras galegas durante o período de Nadal para ofrecer un espazo de diálogo, difusión científica e reflexión sobre o futuro da investigación en Galicia.

Con esta nova edición, o IYI Meeting pretende reafirmarse como un foro de referencia para crear pontes entre profesionais que desenvolven o seu labor en universidades, centros de investigación e empresas de diferentes países e aqueles que traballan desde Galicia, promovendo novas colaboracións científicas e contribuíndo ao debate sobre os retos e oportunidades do ecosistema galego de investigación nun contexto cada vez máis internacional.

Entre a diáspora e o retorno

“Ademais de visibilizar a actividade investigadora da diáspora científica galega, o encontro permitirá dar a coñecer programas, convocatorias e oportunidades vinculadas ao retorno do talento, un dos aspectos que tradicionalmente suscita maior interese entre as persoas participantes”, subliña Rubén González, investigador do CINBIO e membro do comité organizador do encontro.

A xornada está aberta a investigadores e investigadoras galegas que desenvolven a súa carreira tanto dentro como fóra da comunidade autónoma, así como a estudantes e profesionais interesados en coñecer de primeira man a experiencia da mobilidade investigadora internacional. As persoas participantes poderán presentar o seu traballo mediante comunicacións breves ou asistir como público ás diferentes sesións programadas.

A asistencia ao evento será gratuíta, aínda que será necesario formalizar previamente a inscrición a través do formulario habilitado pola organización. O prazo para rexistrarse permanecerá aberto ata o 4 de decembro, data a partir da cal se elaborará e publicará o programa definitivo da xornada.

Toda a información sobre o encontro e o proceso de inscrición xa está dispoñible na páxina web oficial do evento, www.iyimeeting.com.