Events
O venres 16 de outubro de 2026 terá lugar a xornada 'PROXECTOS SEN NESGOS: Perspectiva de xénero na investigación en nanomedicina', unha iniciativa promovida polo CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, pertencente á Rede CIGUS, e que conta co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.
A xornada abordará como identificar e incorporar a perspectiva de sexo e xénero nos proxectos de investigación. A nanomedicina servirá como caso de referencia, pero os contidos e a parte práctica terán un enfoque transversal e accesible para persoas de calquera ámbito, sen necesidade de coñecementos previos en nanomedicina.
Trátase dunha acción formativa desenvolvida e patrocinada no marco das axudas da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo para a organización de actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios na institución académica.

PROGRAMA
PROXECTOS SEN NESGOS: Perspectiva de xénero na investigación en nanomedicina
9.30h - 9.45h | Apertura institucional
Benvida e presentación da xornada a cargo de:
- Eloína Ingerto López, directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia.
- Miguel Correa, director do CINBIO.
9.45h - 10.20h | Da política á proposta: a dimensión de sexo e xénero na I+D+i
- Lydia González Orta, colaboradora da Unidad de Mujeres y Ciencia do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e profesora axudante doutora na Universidade de Oviedo. Conta con experiencia en proxectos europeos de xénero e ciencia e foi Punto Nacional de Contacto de Horizonte Europa para o obxectivo transversal de xénero e inclusión.
10.20h - 11.00h | Sexo, xénero e investigación: onde aparecen os nesgos e por que importan
- Víctor Arce, catedrático de Fisioloxía na Universidade de Santiago de Compostela, con experiencia en formación sobre perspectiva de xénero na docencia e na investigación en Ciencias da Saúde.
11.00h - 11.25h | Da teoría á práctica: a perspectiva de quen investiga
- Puerto Morales, profesora de investigación do Instituto de Ciencia de Materiais de Madrid (ICMM-CSIC) e coordinadora da Conexión Nanomedicina do CSIC, cunha ampla experiencia en proxectos nacionais e europeos no ámbito da nanotecnoloxía aplicada á medicina.
11.25h - 11.55h | Pausa café
11.55h - 13.10h | Obradoiro práctico: Poñemos un proxecto baixo a lupa
- Coa participación de Lydia González Orta, Víctor Arce e María del Puerto Morales.
- Dinamización a cargo de: Jade Rivera, da Vicepresidencia Adjunta de Áreas Científico-Técnicas do CSIC (VAACT-CSIC).
A partir dun caso sinxelo inspirado na nanomedicina, as persoas participantes identificarán posibles nesgos ou aspectos non considerados relacionados co sexo e o xénero e analizarán como incorporalos ou melloralos no deseño dun proxecto de investigación.
13.10h - 13.50h | Do caso aos nosos proxectos: ferramentas e recomendacións
Posta en común do exercicio e identificación de ferramentas e recomendacións que poidan trasladarse a proxectos de investigación doutros ámbitos.
13.50h - 14.10h | Debate aberto e preguntas
- Moderación a cargo de: Noa Caramés/Lorena Blach, CINBIO – Universidade de Vigo.
14.10h - 14.15h | Conclusións e peche
#HR #RedeCIGUS #FondosEuropeos

DATA: Venres 16 de outubro de 2026
LUGAR: Sala de formación do Espazo INCUVI (Campus Universitario de Vigo)
Para asistir é necesario inscribirse previamente a través do seguinte formulario: