GL EN

News

04 February 2025As científicas do CINBIO súmanse un ano máis á celebración do 11F

As científicas do CINBIO xa están preparadas para participar nunha nova celebración do 11F, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Cos programas Elas Fan CienTec, no campus de Vigo, eXXperimenta en Feminino, no de Ourense, e o coloquio Todas somos ciencia, no centro de Vigo, como pratos fortes, trátase de dar a coñecer a ciencia que día a día se realiza nos laboratorios da Universidade de Vigo, pondo en valor o talento e traballo das investigadoras, achegando referentes femininos no campo da I+D e incentivando as vocacións científicas nas novas xeracións.

O amplo programa de actividades está impulsado polas propias docentes e investigadoras, os centros de investigación, escolas e facultades, a Unidade de Igualdade e a Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades).

Elas Fan CienTec, en Vigo o propio o 11F

Os obradoiros Elas Fan CienTec, que este ano acadan xa a súa novena edición, serán o propio martes 11 de febreiro. Alumnas de catro institutos da provincia de Pontevedra visitarán varios centros de investigación e escolas do campus para coñecer o traballo que as investigadoras levan a cabo nos seus laboratorios. 

Nesta ocasión, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, abrirá as súas portas a un grupo de alumnas do IES Santa Irene de Vigo, que poderán escoller entre sete obradoiros, incluíndo xogos de rol sobre as enfermidades raras, preparación de nanopartículas de ouro ou simulación de encapsulación de fármacos. Todas as actividades ofrecidas no centro serán organizadas polas investigadoras dos grupos ORCHID, NanoBioMateriais Funcionais, TeamNanoTech, Nanomateriais Híbridos, Física e Química de Materiais, Nanomateriais Biomiméticos, Neurocircuits, do Laboratorio de Enfermidades Raras e do servizo de Citometría do CINBIO, que acompañarán ás 38 rapazas e as súas docentes ao longo do seu percorrido polos diferentes laboratorios do centro.

eXXperimenta en Feminino, o venres 14 de Ourense

O outro prato forte da celebración do 11F na UVigo é a feira divulgativa eXXperimenta en Feminino. VIII Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, que, nesta nesta ocasión, se celebrará o venres 14 de 09.00 a 18.00 horas no edificio Politécnico e arredores.

Aberta a alumnado de toda a provincia e ao público xeral, as persoas participantes poderán achegarse a 13 postos diferentes para facer multitude de experimentos e coñecer as titulacións STEM que se imparten no campus de Ourense. Alí poderán coñecer de preto o traballo das investigadoras do grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ-2) do CINBIO.

Todas somos ciencia, este vernes día 7 no MARCO

Como aperitivo de todas estas actividades o CINBIO organiza para este venres día 7 de febreiro no museo MARCO de Vigo o coloquio Todas somos ciencia, unha actividade coorganizada coa SEBBM, Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular, á que asistirán preto dun cento de alumnas e alumnos de 5º e 6 de primaria do CPI da Ribeira, en Porriño, e do colexio internacional O Castro, de Vigo.

Será de 10.00 h a 12.00 h e intervirán diferentes perfís científicos do centro (María Mayán, Verónica Salgueiriño, Begoña Puértolas, Margarita Vázquez ou Carlos Renero) e persoal da súa oficina de xestión e comunicación (Noa Caramés e Noel Queipo), así como Guadalupe Sabio, investigadora do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas, CNIO.

Charlas e actividades en escolas e institutos de toda Galicia

As celebracións espállanse tamén por escolas e institutos de toda Galicia con charlas e obradoiros impartidos por máis de medio cento de investigadoras da UVigo sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía. Serán ao longo de todo o mes de febreiro e nelas participarán investigadoras do CINBIO como Isabel Pastoriza, África González, Valeria Zoni, Noelia Flórez, Dolores Torres, Nuria Estévez, Tania Prieto e Laura Salonen.

O programa completo de actividades do #11FnaUVigo pódese consultar na seguinte ligazón.

Fonte: DUVI