Novas
As científicas do CINBIO xa están preparadas para participar nunha nova celebración do 11F, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Cos programas Elas Fan CienTec, no campus de Vigo, eXXperimenta en Feminino, no de Ourense, e o coloquio Todas somos ciencia, no centro de Vigo, como pratos fortes, trátase de dar a coñecer a ciencia que día a día se realiza nos laboratorios da Universidade de Vigo, pondo en valor o talento e traballo das investigadoras, achegando referentes femininos no campo da I+D e incentivando as vocacións científicas nas novas xeracións.
O amplo programa de actividades está impulsado polas propias docentes e investigadoras, os centros de investigación, escolas e facultades, a Unidade de Igualdade e a Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades).
Elas Fan CienTec, en Vigo o propio o 11F
Os obradoiros Elas Fan CienTec, que este ano acadan xa a súa novena edición, serán o propio martes 11 de febreiro. Alumnas de catro institutos da provincia de Pontevedra visitarán varios centros de investigación e escolas do campus para coñecer o traballo que as investigadoras levan a cabo nos seus laboratorios.
Nesta ocasión, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, abrirá as súas portas a un grupo de alumnas e 3º e 4º da ESO do IES Santa Irene de Vigo, que poderán experimentar a través de oito obradoiros sobre a encapsulación de fármacos, o procesamento de tecidos e frotis de sangue ou a extracción de ADN de froitas, entre outros. Todas as actividades ofrecidas no CINBIO están organizadas polas investigadoras dos grupos de NanoBioMateriais Funcionais, TeamNanoTech, Nanomateriais Biomiméticos, Física e Química dos Materiais, Nanomateriais Híbridos, Neurocircuits, Cellcom e do Laboratorio de Enfermidades Raras e dos servizos de apoio do CINBIO, que acompañarán ás 38 rapazas e as súas docentes ao longo do seu percorrido polos diferentes laboratorios do centro entre as 09:30 e as 13:00 horas, tras a benvida a cargo de Margarita Vázquez e Begoña Puértolas, investigadoras que coordinan a actividade neste centro de investigación.
eXXperimenta en Feminino, o venres 14 de Ourense
O outro prato forte da celebración do 11F na UVigo é a feira divulgativa eXXperimenta en Feminino. VIII Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, que, nesta nesta ocasión, se celebrará o venres 14 de 09.00 a 18.00 horas no edificio Politécnico e arredores.
Aberta a alumnado de toda a provincia e ao público xeral, as persoas participantes poderán achegarse a 13 postos diferentes para facer multitude de experimentos e coñecer as titulacións STEM que se imparten no campus de Ourense. Alí poderán coñecer de preto o traballo das investigadoras do grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ-2) do CINBIO.
Todas somos ciencia, este vernes día 7 no MARCO
Como aperitivo de todas estas actividades o CINBIO organiza para este venres día 7 de febreiro no museo MARCO de Vigo o coloquio Todas somos ciencia, unha actividade coorganizada coa SEBBM, Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular, á que asistirán preto dun cento de alumnas e alumnos de 5º e 6 de primaria do CPI da Ribeira, en Porriño, e do colexio internacional O Castro, de Vigo.
Será de 10.00 h a 12.00 h e intervirán diferentes perfís científicos do centro (María Mayán, Verónica Salgueiriño, Begoña Puértolas, Margarita Vázquez ou Carlos Renero) e persoal da súa oficina de xestión e comunicación (Noa Caramés e Noel Queipo), así como Guadalupe Sabio, investigadora do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas, CNIO.
Charlas e actividades en escolas e institutos de toda Galicia
As celebracións espállanse tamén por escolas e institutos de toda Galicia con charlas e obradoiros impartidos por máis de medio cento de investigadoras da UVigo sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía. Serán ao longo de todo o mes de febreiro e nelas participarán investigadoras do CINBIO como Isabel Pastoriza, África González, Valeria Zoni, Noelia Flórez, Dolores Torres, Nuria Estévez, Tania Prieto e Laura Salonen.
O programa completo de actividades do #11FnaUVigo pódese consultar na seguinte ligazón.
Fonte: DUVI