News
Preto de 250 estudantes e máis de 1000 participantes nas actividades abertas ao público
A cuarta edición de “CinVigo. Ciencia na rúa” despediuse este domingo tras unha intensa fin de semana na Avenida da Beiramar, onde milleiros de persoas gozaron dun festival que volveu converter Vigo nun escaparate de ciencia, innovación e talento xuvenil.

Organizado polo CINBIO, Centro de investigación da Universidade de Vigo e pertencente á rede CIGUS, o evento foi posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Unión Europea, ademais do apoio da Autoridade Portuaria de Vigo, o Concello de Vigo, o Consello Social da Universidade de Vigo e outros patrocinadores, sumándose tamén á colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
O festival reuniu 68 proxectos científicos presentados por preto de 250 estudantes de secundaria e bacharelato de 34 centros educativos das catro provincias galegas e procedentes de concellos como Vigo, Santiago de Compostela, Ourense, Folgoso do Courel, As Neves, Tomiño, Ponteareas, Nigrán, Soutomaior, Redondela, Mos ou Cangas do Morrazo, entre outros.

Foto de familia de CinVigo 2026
Ademais, CinVigo ofreceu unha ampla programación paralela para todos os públicos, como os monólogos científicos de humor de Ciencia Calidade e o espectáculo Cienceando que, ademais, contaron coa asistencia dunha intérprete de lingua de signos. Entre as actividades máis destacadas, os obradoiros infantís do espazo “Corresponsables” reuniron máis de 800 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos; os novos obradoiros sénior superaron as 120 persoas maiores de 65 anos; e a xincana científica inclusiva contou con arredor de 150 participantes, algúns deles procedentes da Asociación DisCamino.

A cativada gozou un ano máis dos obradoiros infantís do espazo Corresponsables

Os obradoiros científicos sénior foron unha das grandes novidades da cuarta edición de CinVigo

Membros da asociación DisCamino participaron na xincana científica inclusiva

O espectáculo Cienceando foi un dos grandes atractivos do escenario

Os monólogos dos finalistas de Ciencia Calidade tamén formaron parte da programación
A entrega de premios contou coa presenza do conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana; o director xeral de Intervención Sociosanitaria e de Maiores, Antón Acevedo; a quinta tenente de alcalde de Vigo, Ana Mejías; e o director do CINBIO, Miguel Correa. Durante a fin de semana tamén visitaron o festival o alcalde de Vigo, Abel Caballero; Ana Ortiz, delegada territorial da Xunta; e Diana Valverde, subdirectora do CINBIO.
Román Rodríguez destacou que “Galicia ten canteira científica para seguir innovando e buscando novas formas de traballar para o futuro”, e subliñou ademais que “CinVigo é un evento consolidado tanto en Vigo, como en Galicia, que saca á rúa o traballo que fan os centros educativos no eido da ciencia”.
Pola súa banda, Miguel Correa agradeceu “ao persoal do centro de investigación CINBIO, que participa de xeito voluntario cada ano para tratar de transmitir o amor pola ciencia facendo posible a celebración deste festival”.
Tras meses de traballo, a canteira científica do CinVigo acadou o recoñecemento do público cos máis de 14.000 votos rexistrados nunha aplicación coa que se decidiu o premio popular que foi para o proxecto “Sabor e enerxía: enclaves da ría” do CPR Montesol (Vigo).

Carlos Botana co alumnado do Colexio Montesol de Vigo
Na categoría Early researchers o primeiro premio foi para o proxecto RecuerdaMed, do CPR Compañía de María (Vigo). Pola súa banda, na categoría Young researchers, para alumnado 3º e 4º da ESO, o proxecto gañador foi Ergocadeira, de Aulas Tecnópole (Ourense). O acto rematou coa entrega do primeiro galardón da categoría Teen researchers para o alumnado de IES Xesús Taboada Chivite, de Verín, polo seu proxecto Os incendios forestais: antes, durante e despois.

Primeiro premio da categoría Early Researchers

Primeiro premio da categoría Young Researchers

Primeiro premio da categoría Teen Researchers
Nesta edición, CinVigo contou, como xa é habitual, coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, así como co financiamento da Xunta de Galicia e da Unión Europea. Tamén recibiu o apoio do Consello Social da Universidade de Vigo, do Concello de Vigo, da Autoridade Portuaria de Vigo e doutras entidades colaboradoras como Büchi, Jasco, Frutas Nieves, Galifresh ou Portomédica. Ademais, CinVigo contou igualmente co respaldo da Consellería de Política Social e Igualdade a través do Plan Corresponsables e a Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria.
Con esta cuarta edición, CinVigo reafirma o seu crecemento e consolídase como unha cita imprescindible para achegar a ciencia á sociedade, fomentar vocacións científicas e visibilizar o talento da mocidade galega. Ademais, este impulso terá continuidade, xa que CinVigo conta xa coa financiación concedida pola FECYT para a súa V edición, que xa é unha realidade e se celebrará no ano 2027.
CINBIO conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
Como centro adstrico á rede CIGUS (Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia) está cofinanciado con Fondos Europeos
#teamCINBIO #RedeCIGUS #FondosEuropeos