GL EN

News

11 October 2024O CINBIO promove unha xornada para abordar o fundraising desde unha perspectiva inclusiva e igualitaria

Xerar un espazo para reflexionar sobre a sostibilidade financeira dun centro académico ao mesmo tempo que se mantén un ecosistema diverso, equitativo e inclusivo. Este é o principal propósito co que o CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, lanza a primeira edición da xornada Fundraising inclusivo como forza de cambio social, un evento que terá lugar de xeito presencial o vindeiro venres 18 de outubro no Espazo INCUVI, situado na praza Miralles do campus universitario de Vigo.

Como explica a subdirectora do CINBIO, Diana Valverde, “a nosa intención é proporcionar ferramentas que contribúan á sostibilidade económica futura dun centro académico, ademais de promover o liderado inclusivo co obxectivo de aumentar a diversidade no ámbito científico”. Neste sentido, subliña Valverde, “desde o CINBIO seguiremos traballando na promoción dos valores igualitarios e agardamos que esta edición sexa a primeira de moitas”. A xornada desenvólvese no marco das axudas promovidas pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo para a organización de actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios na institución académica.

Dous paneis de relatorios e unha mesa redonda conforman o programa

O evento dará comezo a partir das 09.00 horas do vindeiro venres 18 de outubro coa presentación a cargo da subdirectora do CINBIO, Diana Valverde. Tras a súa benvida, a decana da Facultade de Química da Universidade de Vigo, Ángeles Peña, dará paso ao primeiro panel que, baixo o título Fundraising no ámbito académico como estratexia de sostibilidade económica, englobará os relatorios de Carme Pérez Esparrells, profesora de de Económicas e Finanzas Públicas na Universidad Complutense de Madrid, e Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela.

Tras unha breve pausa, dará comezo o segundo panel Diferentes modelos de fundraising. Sensibilizar sobre diferentes modelos de fundraising, para que serven e como permitirían crear unha rede de intercambio, colaboración e promoción da diversidade. Baixo este paraugas, as persoas asistentes coñecerán a experiencia de entidades como a Fundación Amicos, a Fundación Enki, a Fundación Roberto Rivas ou a unión de cooperativas galegas Espazocoop.

Seguidamente, a directora da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, Maruxa Álvarez, moderará unha mesa redonda centrada nas experiencias e actitudes necesarias para a captación de fondos, contando coa intervención de Noemí Rodríguez, CEO e Cofundadora de Himikode; Leire López Rico, responsable da área de estratexia financieira de Envita; Iván García Besada, CEO e Cofundador de Néboda Farms e Manuel Noia, CEO en Linknovate. Co fin de favorecer a interacción e a conversación entre as relatoras e o público asistente, unha sesión de aperitivo-networking pechará esta acción formativa e transversal promovida polo CINBIO.

A inscrición previa xa está dispoñible

As persoas interesadas en asistir deberán inscribirse previamente a través do formulario que xa está dispoñible na páxina web do CINBIO, sendo unha acción formativa aberta ao público xeral, e de especial interese tanto para o persoal investigador do CINBIO como para membros da comunidade universitaria da Universidade de Vigo, que poderán validala para o recoñecemento de créditos ECTS.