News
Nunhas xornadas abertas ao público en xeral, a partir das 09.30 h no espazo INCUVI. Coa participación de Coral del Río, Isabel Rebollido, María Loureiro e Iria Miguens.
Promover unha comunicación científica máis inclusiva e equitativa ao tempo que se visibiliza o papel das mulleres na ciencia é o principal obxectivo co que o CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, pertencente á Rede CIGUS, organiza este venres 2 de outubro a sétima edición da xornada Falemos de ciencia en igualdade, unha iniciativa consolidada e enmarcada nas axudas da Unidade de Igualdade destinadas á organización de actividades que contribúan á transmisión de valores igualitarios dentro da comunidade universitaria.
A actividade, que se desenvolverá na sala de formación do Espazo INCUVI, forma parte das accións impulsadas polo Comité de RRI, Igualdade e non discriminación do centro co fin de sensibilizar sobre a importancia de incorporar a perspectiva de xénero á investigación, á divulgación científica e á transferencia de coñecemento.

Nacido en 2020, o proxecto Falemos de ciencia en igualdade continúa nesta edición coa mesma filosofía: “ofrecer unha formación transversal que permita ás persoas asistentes reflexionar sobre as desigualdades existentes no ecosistema científico e incorporar a dimensión nesgo-xénero no deseño de proxectos, estudos e accións de comunicación científica”, comentan desde a organización. Ao longo de todas as edicións celebradas ata o momento, esta proposta converteuse nun “espazo de encontro para persoal investigador, estudantado e público interesado en avanzar cara a unha ciencia máis diversa e responsable”.
Segregación, benestar laboral, tecnoloxías sostibles e saúde
A programación deste ano abordará a cuestión da igualdade desde diferentes perspectivas. Tras a apertura institucional, a xornada arrancará coa intervención de Coral del Río, catedrática da Universidade de Vigo e investigadora garante de ECOBAS, que ofrecerá unha análise sobre a Segregación por sexo e a perpetuación da desigualdade, poñendo o foco nos mecanismos que continúan condicionando as oportunidades de mulleres e homes en distintos ámbitos sociais e profesionais.
A continuación, a astrofísica e divulgadora Isabel Rebollido Vázquez, integrante do grupo de estudo de igualdade de xénero da Sociedad Española de Astronomía (SEA), ofrecerá o relatorio Benestar, inestabilidade laboral e xénero na Sociedade Española de Astronomía, achegando unha visión sobre os retos que afrontan as mulleres na carreira investigadora.
Tras unha pausa para o intercambio de experiencias e o networking, a sesión continuará coa participación de María Loureiro, catedrática da Universidade de Santiago de Compostela e directora científica de ECOBAS, que analizará a influencia dos nesgos de xénero na adopción de tecnoloxías sostibles e as súas implicacións para a transición cara a modelos de desenvolvemento máis sustentables e inclusivos.
O último relatorio correrá a cargo de Iria Miguens Blanco, especialista en Medicina de Urxencias e Emerxencias no Hospital Clínico de Santiago de Compostela, quen abordará a importancia da perspectiva de xénero nos servizos sanitarios e na produción científica, unha cuestión especialmente relevante para garantir unha investigación biomédica máis equitativa.
Un coloquio aberto para compartir experiencias e propostas

Un intre da edición de 2025
Como peche da xornada, as relatoras participarán nun coloquio aberto no que se promoverá o debate arredor dos desafíos actuais e das oportunidades para avanzar cara a unha ciencia máis igualitaria. Este espazo, baixo a moderación de Verónica Salgueiriño, líder do grupo de Nanomateriais Híbridos e membro do Comité de RRI, Igualdade e non discriminación do CINBIO, pretende favorecer o intercambio de experiencias entre persoal investigador, profesionais e asistentes, así como identificar boas prácticas que contribúan a reducir as fendas de xénero aínda existentes no ámbito científico.
A asistencia á actividade é gratuíta, aínda que require inscrición previa a través do formulario habilitado na páxina web do CINBIO. A xornada está aberta tanto ao persoal do centro como á comunidade universitaria e ao público xeral interesado en coñecer e debater sobre o papel da igualdade na ciencia e na investigación.
CINBIO conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
Como centro adscrito á rede CIGUS (Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia) está cofinanciado con Fondos Europeos.
#teamCINBIO #RedeCIGUS #FondosEuropeos