News
O pasado 26 e 27 de abril, celebrouse a terceira edición do CinVigo, un festival divulgativo localizado na Porta do Sol da cidade olívica no que participaron máis de 250 estudantes de ESO, Bacharelato e FP, cun total de 70 proxectos científicos.
Entre os 32 centros educativos participantes estivo o Colexio Apóstol Santiago de Vigo, que co seu proxecto Faro sostible acadou o premio do público, tras obter a máxima puntuación a través dunha aplicación que rexistrou máis de 13.000 votos. A recompensa, poder gozar dunha estadía de dúas xornadas no CINBIO, que iniciará este luns día 9, e na que estes rapaces e rapazas de 1º de ESO poderán coñecer o traballo do persoal investigador de varios grupos, visitar os seus laboratorios e realizar distintos experimentos que que lles permitirán achegarse de primeira man ao día a día dun centro de investigación.
A axenda programada é a seguinte:
Día 1 – Luns, 9 Xuño 2025
Chegada 9,30h
9,40h – Visita ao laboratorio do grupos ORCHID
11.10h – Merenda
11.30h – Visita ao laboratorio do grupo Neurocircuits
Bus de volta: 13.00h
Día 2 – 10 Xuño 2025
09.35h – Visita ao laboratorio do grupo Biomimat
11.10h – Merenda
11.30h – Visita ao laboratorio do grupo CellCOM
Bus de volta: 13.00h
Os gañadores deste premio popular pasarán dúas xornadas visitando os distintos laboratorios e realizando distintos experimentos cos que o CINBIO busca estimular as súas vocacións científicas.
O festival CinVigo xorde co obxectivo de fomentar vocacións científicas do alumnado de ensino medio e asegurar o futuro da ciencia, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO) celebra anualmente este festival que converte as rúas e prazas de Vigo nun laboratorio aberto a toda a cidadanía e que conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación.
O CINBIO é un centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER e adscrito á rede de centros CIGUS (Centros de Investigación del Sistema Universitario de Galicia), promovida e financiada pola Xunta de Galicia.
#CinVigo2025 #teamCINBIO #FEDERGalicia #CIGUS