GL EN

Novas

07 setembro 2022Ciencia con C de CINBIO 2022

CIENCIA CON C DE CINBIO
Un ano máis, o CINBIO celebra o seu ciclo "Ciencia con C de CINBIO" cos obxectivos de dar a coñecer ao público xeral, as investigacións e a ciencia que se está a levar a cabo na actualidade no centro, dando  visibilidade ao traballo diario do #teamCINBIO. 

Con todas estas actividades, o CINBIO quere compartir un ano máis a ciencia coa sociedade en xeral, para que calquera persoa poda acceder de primeira man ao proceso de xeración de coñecemento na investigación.

TALLERES DIVULGATIVOS EN INSTITUTOS
As actividades divulgativas deste ano estarán repartidas en diferentes bloques con públicos de idades diversas. Así, entre setembro e outubro organizaranse obradoiros científicos en 10 institutos públicos da contorna de Vigo para achegar esta disciplina ás aulas dunha maneira máis amena, todo para tratar de espertar vocacións científicas entre as mozas e mozos. Ademais, entre estes institutos sortearase unha visita guiada ao CINBIO que poderá ser realizada antes do fin de 2023. Se tes interese en participar contacta con cinbio.divulga@uvigo.es.

PROGRAMA DE DIVULGACIÓN CIENTÍFICA PARA MAIORES DE 65 ANOS
Doutra banda, tamén se organizarán obradoiros de divulgación científica para maiores de 65 anos, tratando de achegar a investigación a este sector da sociedade. Este programa incluirá tamén unha visita específica para eles ao CINBIO que terá lugar o 7 de outubro.

CIENCIA NA RÚA - 
Ademais, o venres 7 de outubro en horario de tarde contaremos cunha carpa a pé de rúa na cidade de Vigo, na rúa Príncipe (diante do MARCO) e o día 10 de outubro, estaremos na cidade de Ourense (rúa paseo de Ourense). Como o ano pasado, a carpa estará montada de 16:30h a 20:30h con persoal do #teamCINBIO informando sobre o centro e ofrecendo pasatempos: minixincana científica, xogos de preguntas, etc. cuxos gañadores/as levaranse diferentes agasallos. Ademais, na na carpa de Ourense haberá tamén experimentos in situ.

PORTAS ABERTAS NO CINBIO - VISITA AO CENTRO DE INVESTIGACIÓN
Por outra parte, o 14 de outubro será o día que o centro abra as súas portas para unha visita dirixida ao público xeral. Arredor de 70 persoas poderán visitar os distintos laboratorios e participar nalgúns experimentos organizados polas nosas investigadoras e investigadores. Esta visita non está inicialmente pensada para nenos e nenas, aínda que tamén son benvidos/as. A visita incluirá catering e unha pequena xincana científica. Simultaneamente, gravaremos unha edición monográfica sobre o CINBIO no programa de radio Efervesciencia da CRTVG ao que se poderá asistir como público. Nel participarán investigadoras e inestigadores como Miguel Correa, Isabel Pastoriza, Verónica Salgueiriño, Diana Valverde e Marina Peña. 

Por este motivo, a visita divídese en dous tipos: a "convencional" máis dinámica vistando os laboratorios (max. 50 persoas) e outra máis traquila visitando menos laboratorios pero asistindo como público ao programa Efervesciencia (max 20 persoas). Para poder asistir a calquera de estas dous visitas é necesario rechear algún dos formularios que atoparás nas ligazóns de máis abaixo (lembra que son excluíntes: asistir a unha das visitas impide poder asistir á outra, xa que se desenvolveran de maneira simultanea):

- Formulario para a visita tradicional

- Formulario para a visita + público Efervesciencia

As persoas seleccionaranse por orde de inscrición ata rechear plazas e recibirán un correo confirmando que foron seleccionadas uns días antes da visita.