GL EN

Novas

27 setembro 2021G-Night - Noite Galega das Persoas Investigadoras

O pasado 24 de setembro celebrouse a G-Night (Noite Galega das Persoas Investigadoras), un evento coordinado pola Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo co obxectivo de achegar a ciencia á sociedade dun xeito ameno. Durante ese día, realizáronse actividades científicas da man de investigadoras e investigadores nas sete grandes cidades galegas. En moitas delas participaron membros do noso #teamCINBIO.

Pola mañá, comezouse con charlas en diversos colexios da man de varios membros do noso persoal investigador: Miguel Arenas (CME), Mauro Lago Docampo (Laboratorio de Enfermidades Raras) e Noelia Flórez Fernández (EQ-2) ofreceron as súas charlas no CEIP Pintor Laxeiro, no IES Valmiñor e no IES Julio Prieto Nespereira respectivamente, esta última de maneira online.

Xa pola tarde, organizáronse varios stands no Porto de Vigo no que se podía participar en diferentes experimentos. Algúns membros do grupo FunNanoBio explicaban de primeira man o que é un coloide ou o uso de nanocristais de perovskita para dispositivos LED, mentres que Diana Valverde (Laboratorio de Enfermidades Raras) ofrecía aos visitantes saber máis sobre a mosca da froita, un insecto crucial para a investigación.

A xornada completouse coa participación na radio do persoal investigador. Tamén pertencente ao #teamCINBIO, Lara Costas Ríos foi entrevistada pola Cadena SER con motivo desta iniciativa.

Tamén a TVG facíase eco desta iniciativa no seu telexornal da tarde (a partires do minuto 42).


Unha vez máis e no seu décimo aniversario, a Noite Europea das Persoas Investigadoras (coa novidade da G-Night este ano) demostrou que a ciencia é un campo moito más cercano do que pode asemellar a primeira vista e que segue na procura de novos investigadores e investigadoras que contribúan ao seu avance para mellorar como sociedade.