GL EN

Novas

21 setembro 2023O CINBIO únese á celebración da G-Night para encher de ciencia as rúas, museos e bares galegos

A G-Night volverá encher de ciencia as rúas, museos e bares galegos o vindeiro 29 de setembro. A terceira edición da Noite Galega das Persoas investigadoras contará con preto de 50 actividades de divulgación, lecer e entretemento científico baixo o lema ‘Conciencias Creativas’. Os obradoiros, paseos, visitas guiadas, charlas e espectáculos gratuítos terán lugar nunha vintena de localizacións, espalladas polas sete principais cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo.

A coordinación desta iniciativa en Galicia correspóndelle á Universidade de Vigo, que lidera un consorcio formado por unha ducia de socios, entre os que se atopan as universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e organismos de investigación galegos. O  evento desenvólvese simultaneamente en preto de 400 cidades europeas, que se suman a esta iniciativa da UE, financiada por Marie Sklodowska Curie Actions. No caso de Galicia, a G-Night desenvólvese cos recursos propios das entidades que integran o consorcio e co apoio da Xunta de Galicia.  

O CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, súmase unha vez máis a esta iniciativa ofrecendo actividades divulgativas para todos os públicos, dentro da programación promovida pola Universidade de Vigo. Así, o persoal investigador do CINBIO formará parte da expo-feira científica, que contará con 19 postos instalados no edificio Redeiras da praza Ribeira do Berbés en Vigo. O público vigués poderá achegarse entre as 17.00 e as 21 horas do venres 29 de setembro e coñecer de primeira man o traballo realizado pola científicas e científicos dos grupos BioDeSost, TeamNanoTech, FunNanoBio e Neurocircuits, a través de obradoiros que lles permitirán facer unha viaxe polo nanomundo, prender a chispa das neuronas, coñecer o mundo dos extractos de algas na cosmética ou as nanopartículas plasmónicas.

Ademais, ao longo da xornada, tamén se proxectará Walking together in innovation, un vídeo promovido polo CINBIO e protagonizado pola investigadora do grupo de Filoxenómica Loretta de Chiara, que pon en valor o papel das mulleres investigadoras e inventoras. A peza foi o cuarto finalista no concurso internacional promovido pola WIPO este ano

Por outra banda, a líder do Laboratorio de Enfermidades Raras do CINBIO, Diana Valverde, ofrecerá unha charla baixo o título "Alén dos Xenes: como o sexo e o xénero impactan nas enfermidades" no ciclo "Ciencia no Bar". Terá lugar a partir das 22.00 horas no Vitruvia Café de Vigo.

Pódese consultar toda a programación na páxina web da G-Night e ampliar a información na nova publicada esta semana polo DUVI.