GL EN
Twitter bSky

News

13 October 2026CINBIO aborda os retos da nanomedicina desde a sostibilidade e a perspectiva de xénero

Coa colaboración de FECYT e CSIC, e o apoio da Unidade de Igualdade

A sostibilidade e a perspectiva de xénero na investigación protagonizarán relatorios, coloquios e mesas de traballo ao longo de dous días

 

Un foro sobre sostibilidade e unha xornada sobre a perspectiva de xénero na investigación; dúas perspectivas diferentes para abordar un tema común: os retos da nanomedicina. Así anuncian desde o CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS, as diferentes iniciativas que teñen preparadas para o xoves e venres desta semana, coincidindo coa recente conmemoración do Día Internacional da Nanotecnoloxía, tamén coñecido como NanoDay,  que se celebra cada 9 de outubro.

Xoves 15, Nanomedicina sostible como protagonista dun foro

Trasladar os compromisos da sostibilidade das políticas científicas ao día dos proxectos, os laboratorios e a toma de decisións en I+D. Este é o principal reto que pretende abordar o proxecto NaSOS – Nanomedicina sostenible: retos y soluciones, unha iniciativa coordinada polo CINBIO (Universidade de Vigo) e que se desenvolve en colaboración con NanomedCSIC, xunto coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, F.S.P. -  Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

O proxecto, financiado na convocatoria de axudas para o fomento da Cultura da Innovación Pública (I+P) 2025 de FECYT, utiliza a nanomedicina como ámbito piloto para analizar de forma práctica como integrar a sostibilidade desde unha perspectiva ampla, desde o deseño e a seguridade, ata a transferencia e aplicación final, pasando pola calidade da evidencia científica e a actividade no laboratorio. Segundo explica o investigador responsable do proxecto e director do CINBIO, Miguel Correa, “NaSOS nace co obxectivo de avanzar, mediante asesoramento científico, participación e cocreación, na integración práctica da sustentabilidade na investigación en nanomedicina”.

A sala de seminarios de Torre CACTI, no campus universitario de Vigo, acollerá este xoves o lanzamento da iniciativa coa celebración do Foro NaSOS – Nanomedicina sostible: retos e solucións. A xornada estará dividida en dúas sesións, a primeira delas aberta a toda a comunidade universitaria, que poderá asistir aos relatorios Integrar a sostibilidade na investigación: por que, para que e por onde comezar e Cara a unha nanomedicina máis segura e sostible: do deseño á traslación, a cargo de Miguel Rodríguez Méndez, Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, director do grupo GEN e membro de ECOBAS;  e Carlos Rumbo Lorenzo (ICCRAM-EST, Universidade de Burgos. Nanosafety, seguridad y Safe and Sustainable by Design) e Rebeca Alonso Bartolomé (Nanovex, Nalón Innova), respectivamente. A sesión aberta rematará cunha mesa redonda sobre as condicións para integrar a sostibilidade na investigación en nanomedicina, que contará coa participación de Luis Liz Marzán (CINBIO-UVigo / CIC biomaGUNE), Miguel Rodríguez (GEN / ECOBAS), Carlos Rumbo Lorenzo (ICCRAM-EST), Enrique Rohrer (GAIN) e Noelia Vilar Vidal (FEUGA). Seguidamente, dará comezo unha sesión técnica de traballo con catro mesas temáticas de traballo simultáneas.

A través destas accións, o Foro NaSOS ten por obxectivo identificar e priorizar os retos, oportunidades, prácticas e necesidades relacionadas coa sostibilidade na investigación en nanomedicina, sendo o punto de partida do proxecto, que contará con outras iniciativas como os talleres de cocreación, diversas actividades formativas e a futura Guía NaSOS, que será o principal resultado do proxecto.

O programa completo da foro e formulario de inscrición están dispoñible na páxina web do CINBIO.

 

Venres 16, unha xornada sobre a perspectiva de xénero na nanomedicina

Seguindo coa  nanomedicina no foco, a semana rematará coa xornada PROXECTOS SEN NESGOS: Perspectiva de xénero na investigación en nanomedicina, unha iniciativa promovida tamén polo CINBIO e que conta co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo a través das súas axudas destinadas á organización de actividades que contribúan á transmisión de valores igualitarios dentro da comunidade universitaria.

“A xornada abordará como identificar e incorporar a perspectiva de sexo e xénero nos proxectos de investigación, utilizando a nanomedicina como caso de referencia, pero adaptando tanto os contidos como a parte práctica a un enfoque transversal e accesible para persoal investigador de calquera ámbito”, explican desde a organización.

Tras apertura institucional  a cargo de Eloína Ingerto López, directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, e do director do CINBIO Miguel Correa, a xornada arrancará coa intervención de Lydia González Orta, colaboradora da Unidad de Mujeres y Ciencia do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e profesora axudante doutora na Universidade de Oviedo, que ofrecerá un relatorio baixo o título Da política á proposta: a dimensión de sexo e xénero na I+D+i.

A continuación, Víctor Arce, catedrático de Fisioloxía na Universidade de Santiago de Compostela, reflexionará na súa charla sobre a orixe dos nesgos e a súa importancia. Seguidamente Puerto Morales, profesora de investigación do Instituto de Ciencia de Materiais de Madrid (ICMM-CSIC) e coordinadora da Conexión Nanomedicina do CSIC, ofrecerá o relatorio Da teoría á práctica: a perspectiva de quen investiga.

Os tres relatorios darán paso a un obradoiro práctico, dinamizado por Jade Rivera Rossi, da Vicepresidencia Adjunta de Áreas Científico-Técnicas do CSIC (VAACT-CSIC), e no que, partindo dun caso sinxelo inspirado na nanomedicina, as persoas participantes identificarán posibles nesgos e analizarán como incorporalos ou melloralos no deseño dun proxecto de investigación.

A asistencia á actividade é gratuíta, aínda que require inscrición previa a través do formulario habilitado na páxina web do CINBIO. A xornada, que terá lugar na sala de formación do Espazo INCUVI a partir das 09.30 horas, está aberta tanto ao persoal do centro como á comunidade universitaria.

 

 

CINBIO conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.

Como centro adscrito á rede CIGUS (Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia) está cofinanciado con Fondos Europeos.

 

#teamCINBIO #RedeCIGUS #FondosEuropeos