GL EN

Servizos

Bioexperimentación

Bioexperimentación Sala ANCB-2

O Servizo de Bioexperimentación da Universidade de Vigo (Sbio) foi creado co gallo de satisfacer as necesidades dos investigadores que traballan con modelos animais.

A experimentación con animais xoga un papel fundamental no descubrimento dos mecanismos biolóxicos subxacentes na enfermidade e no desenvolvemento de tratamentos médicos. De non ser grazas á investigación con animais, non disporíamos da maioría dos medicamentos, antibióticos, vacinas e técnicas cirúrxicas actualmente en uso no campo da medicina humana e veterinaria.

  • As instalacións encóntranse dentro do módulo 1 do CINBIO e dispoñen de sete salas de aloxamento na área limpa; tres delas libres de xermes patóxenos específicos (SPF). A zona de aloxamento, está especialmente deseñada para acomodar ratas e ratos; con materiais e equipamentos que cumpren con todos los requisitos establecidos pola lexislación relativa ás condicións de mantemento dos animais de laboratorio (RD 53/2013).

    A instalación conta tamén cun quirófano para realizar procedementos experimentais, un área para estudos de metabolismo e áreas para a anestesia previa e a recuperación animal despois das operacións.

    Os equipos da área de limpeza manteñen a barreira entre espazos limpos e sucios , a fin de manter controlado o estado microbiolóxico dos animais estabulados.

    Este servizo oferta aos usuarios desde o aloxamento dos animais ata a asistencia técnica na realización dunha ampla gama de procedementos experimentais, sempre baixo estritas condicións controladas e seguindo os principios reitores das tres Rs para un uso máis ético dos animais en experimentos de investigación.

Bioexperimentación

NCB-2

A nova zona ANCB-2 do Servizo de Bioexperimentación ten como fin albergar animais deliberadamente infectados con axentes biolóxicos dos grupos de risco 1 e 2, e tamén Organismos Modificados Xeneticamente (OMXs) de riscos 1 e 2.

A devandita instalación dispón de todos os requisitos estruturais (filtración de aire, sistema de presións, portas interbloqueo, etc…), e asemade do equipamento preciso para asegurar o aloxamento seguro destes animais e o mantemento das barreiras de bioseguridade que se esixen en este tipo de instalacións (ver RD 664/97 sobre a protección dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición a axentes biolóxicos durante o seu traballo).

A instalación conta con autorización da Comisión Nacional de Bioseguridade para o traballo con OMXs de tipo 2 e foi cualificada segundo informe da FAO/OMS como instalación de nivel de contención biolóxica 2+ ou avanzado: ANCB2+.

Equipo responsable do Servizo

Marina Peña Penabad
Marina Peña Penabad

Veterinaria Designada e Responsable de benestar animal

vetanimpp@uvigo.es

Licenciada e doutora en Veterinaria pola Universidade de León, con capacitación para as funcións a, b, c, d, e e f segundo a Orde ECC566/2015, que establece os requisitos de capacitación que debe cumprir o persoal de manexo de animais utilizados, criados ou subministrados con fins de experimentación e outros fins científicos, incluíndo a docencia.

Experiencia profesional de máis de quince anos como veterinaria designada e responsabilidade de benestar animal en centros de experimentación animal (dez anos na Universidade de León e máis de cinco anos na Universidade de Vigo). Ampla formación especializada no campo da experimentación animal, a bioseguridade, xestión de animalarios e a patoloxía animal.

Vanesa Domínguez Lorenzo
Vanesa Domínguez Lorenzo

Persoal de atención e coidado de animais e realización de procedementos

tecanivdl@uvigo.es

Técnico superior de anatomía patolóxica e citoloxía, técnico superior de laboratorio de diagnóstico clínico e técnico especialista de animalario con capacitación para as funcións a, b e c segundo a Orde ECC566/2015, que establece os requisitos de capacitación que debe cumprir o persoal que manexe animais utilizados, criados ou subministrados con fins de experimentación e outros fins científicos, incluíndo a docencia.

Experiencia profesional de máis de catro anos como técnico de laboratorio e máis de 8 anos como técnico especialista de animalario e ampla formación complementaria relacionada co manexo e coidado de animais de experimentación e a realización de procedementos experimentais.