GL EN

Novas

11 febreiro 202511 F: Elas Fan CienTec no CINBIO

A científicas do Centro de Investigación en Namomateriais e Biomedicina, CINBIO, volven sumarse un ano máis á celebración do 11F, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, dentro do amplo programa de actividades da Universidade de Vigo. Este martes as grandes protagonistas foron as 168 alumnas de Ensino Secundario Obrigatorio que participaron nos diferentes obradoiros organizados para elas baixo a denominación Elas Fan CienTec, toda unha serie de iniciativas artelladas por científicas e tecnólogas da Universidade de Vigo, coa colaboración da súa Unidade de Igualdade e a Unidade de Cultura Científica e da Innovación, co obxectivo de darlles a oportunidade de experimentar e ser as protagonistas por un día da Ciencia e da Tecnoloxía e de coñecer en persoa a mulleres da súa contorna que son referentes de primeiro nivel. Nesta novena edición, como vén sendo habitulal, houbo actividades no CINBIO, centro cofinanciado con fondos FEDER, e nas tres escolas de enxeñaría no campus de Vigo.

Experimentando nos laboratorios do CINBIO

Desde o ámbito científico, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, abriu neste día as súas portas a un grupo de 38 alumnas de 3º e 4º da ESO do IES Santa Irene de Vigo, que puideron experimentar a través de oito obradoiros deseñados especificamente para elas.

Benvida a cargo das investigadoras Margarita Vázquez e Begoña Puértolas

Déronlles a benvida Margarita Vázquez e Begoña Puértolas, investigadoras do grupo TeamNanoTech que coordinan a actividade neste centro e, a partires de aí, comezou o percorrido polos laboratorios. Guiadas polas investigadoreas do Laboratorio de Enfermidades Raras, exerceron de detectives cromosómicas; no laboratorio do grupo FunNanoBio, participaron na preparación de nanopartículas de ouro e a súa aplicación na detección de antíxenos mediante test rápidos; no de Nanomateriais Híbridos traballaron na síntese de nanopartículas magnéticas e na comprobación das sus propiedades, e no de TeamNanoTech, achegáronse á simulación de encapsulación de fármacos.

Un intre do obradoiro sobre enfermidades raras

No laboratorio do grupo FunNanoBio

Un intre do obradoiro de Nanomateriais Híbridos

No laboratorio do grupo TeamNanoTech

Completaron o percorrido co grupo Biomimat e o de Física e Química de Materiais, cos que comprobaron como a luz interacciona coa materia; co grupo CellCOM aprenderon a extraer ADN de froitas; mentres que co de Neurocircutis descubriron neurocircuitos fantásticos e onde atopalos. Por último, practicaron o procesamento de tecidos e frotis de sangue no obradoiro taller CelulArte, organizado por persoal técnico do centro.

Un intre do obradoiro organizado polo grupo Biomimat

No obradoiro de Física e Química de Materiais

Aprendendo co grupo CellCOM

No obradoiro do grupo Neurocircuits

Aprendendo coa actividade CelulArte

Desde o CINBIO queremos reiterar o noso agradecemento ás alumnas e docentes do IES Santa Irene de Vigo pola súa activa participación e a todas as persoas implicadas na organización desta iniciativa que, ano tras ano, visibiliza o papel das científicas e esperta a curiosidade das rapazas que serán o futuro da ciencia feita en Galicia.