GL EN

Novas

20 setembro 2024A enxeñeira biomédica xermano-estadounidense Nicole Steinmetz recibirá en Vigo o II CINBIO Gold Talk

O centro de investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, CINBIO, entregará a súa distinción anual CINBIO Gold Talk á investigadora xermano-estadounidense  Nicole Steinmetz, profesora da Universidade de California, directora fundadora do Centro de Nano-ImmunoEngineering (nanoIE)  e codirectora do Center for Engineering in Cancer dos Estados Unidos.  Será o vindeiro luns 23 de setembro ás 12.30  horas no hotel Attica 21 (r/ Samil, 15) nun acto no que a galardoada terá a oportunidade de ofrecer unha charla coa que inspirar e amosar o seu traballo ás persoas asistentes.

Con este galardón o CINBIO busca recoñecer o traballo de persoas e institucións que impulsan a ciencia e inspiran a diario co seu discurso, contribuíndo así ao impulso e desenvolvemento da ciencia, xa sexa a través do exercicio da investigación ou doutras facetas relacionadas que favorecen e fomentan o progreso da I+D, sobre todo nos ámbitos da biomedicina e os nanomateriais. “A través deste evento tentamos non só homenaxear as traxectorias de científicos e científicas, senón tamén destacar o papel fundamental que desempeña a ciencia no avance da sociedade e do coñecemento humano”, tal e como explica o director do CINBIO, Miguel Correa.

Nicole Steinmetz, súmase así ao profesor Lluís Torner, director do Instituto de Ciencias Fotónicas, ICFO, de Barcelona, que foi o galardoado na primeira edición deste evento, celebrada en outubro do ano pasado. O prestixioso científico tivo daquela a oportunidade de compartir coa sociedade viguesa a súa filosofía de traballo, compartindo as súas perspectivas sobre a relevancia da investigación e a maneira en que o investimento en ciencia básica pode impulsar avances significativos para o conxunto da sociedade.

Experta en enxeñaría de materiais para a saúde

Neste 2024 a encargada de recoller o galardón será Nicole Steinmetz. Graduada na Universidade RWTH-Aachen de  Alemaña,  continúou o seu proceso formativo no Instituto de Investigación Scripps, en La Jolla, California e, posteriormete, doutorouse en Bionanotecnoloxía na Universidade de East Anglia/John Innes Centre, en Norwich, Reino Unido. 

O seu traballo de investigación céntrase na enxeñaría de materiais a partir de virus de plantas e están orientados a aplicacións en saúde humana e vexetal, como a distribución de medicamentos e pesticidas, vacinas e inmunoterapias. É autora de preto de 300 artigos en revistas científicas (índice H >70) e inventora de máis de 70 patentes e solicitudes de patentes.

Nos últimos 10 anos, a doutora Steinmetz recibiu subvencións como IP e co-IP por un importe total de preto de 50 millóns de dólares.