Novas
Polo seu currículo académico e pola súa motivación explícita nos estudos STEM, as estudantes Antía Álvarez, Iria Ollero (no eido tecnolóxico) e Julia Escribano e Verónica Laíño (no eido científico) recibiron este xoves os Premios GirlGeekPower que outorgan a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra no marco da Cátedra de Feminismos 4.0. O obxectivo destes galardóns, que acadan xa a súa cuarta edición, é poñer en valor os mellores expedientes femininos nos graos e mestrados das ramas de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura nos campus de Vigo e Pontevedra. Trátase de promocionar e incentivar os estudos STEM entre as mulleres, un campo onde hai unha infrarrepresentación feminina, pese á importancia estratéxica deste ámbito na sociedade, o que pode redundar no incremento da fenda de xénero no futuro das novas xeracións. En total, repártense tres premios dotados cada un deles con 2000€, e un accésit, de 1000€, que recoñecen o esforzo destas catro alumnas e visibilízaas como referentes para futuras xeracións.
Águeda Gómez, Verónica Laíño, Manuel Reigosa, Sandra Bastos, Iria Ollero e Antía Álvarez
Por un futuro tecnolóxico en igualdade
No acto de entrega de premios, que tivo lugar na sede da Deputación de Pontevedra, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, felicitou ás premiadas “polo voso esforzo e o voso talento”. Agradeceulles ter elixido a UVigo e optado por unha titulación do ámbito STEM e pediulles que, en adiante, sexan, “faros” para outras mozas que queiran estudar carreiras científicas e tecnolóxicas. Tamén tivo palabras de agradecemento para a Deputación, polo “seu apoio incondicional e porque partillamos unha visión do que debe ser o mundo, onde a igualdade xoga un papel importantísimo”. O reitor recalcou que “se de verdade queremos unha sociedade que progrese en todos os ámbitos, que sexa máis próspera e máis xusta, precisamos a igualdade, precisamos que o talento feminino e o esforzo que derrocháchedes durante as vosas carreiras, estea espallado por todos os eidos, que non haxa titulacións de homes e mulleres, senón que todos e todas, xuntos e xuntas, poidamos construír esa sociedade mellor”.
Pola súa banda, a deputada de Igualdade e Benestar, Sandra Bastos, incidiu en que “as nosas vocacións e os nosos soños profesionais non teñen nada que ver co noso sexo ou xénero”. Engadía que as mulleres poden “ocupar todos os espazos en todos os ámbitos que desexemos, estamos altamente capacitadas, e non hai máis teitos que os que nos impoñen e non imos descansar ata rachalos un a un”. Ás “merecidísimas gañadoras” trasladoulles os seus parabéns por seren “un grande exemplo para todas, sobre todo paras novas xeracións” e recalcou que “para conseguir que a fenda de xénero nas STEM se reduza, é imprescindible que as nenas teñan referentes, que vexan que é posible, que houbo outras antes que o conseguiron e que elas tamén poden”.
A encargada de poñer en cifras esta fenda de xénero foi a directora da Unidade de Igualdade da UVigo. Referiuse ao último informe do Observatorio de Igualdade da institución académica, realizado en 2023 con datos do curso 2021/2022, que demostra non só existe un desequilibrio nas matrículas de mulleres nas carreiras STEM senón que, das que se deciden por estes estudos, son aínda menos as que continúan a carreira investigadora. “Mentres as mozas son maioría nas teses de ámbitos como ciencias da saúde ou ciencias sociais, nas carreiras STEM representan apenas o 20% ou 30% do alumnado”. Este informe recolle tamén que a presenza feminina na actividade investigadora da UVigo descendeu tres puntos con respecto ao curso anterior e revela tamén que, aínda que nos últimos anos a porcentaxe de mulleres axudantes de investigación da UVigo se sitúa arredor do 50% do total, que é un bo dato, moitas delas abandonan e só 3 de cada 10 alcanzan a cátedra, cumio da carreira académica”. Por iso, destacaba Gómez, “é tan importante visibilizar os expedientes e traxectorias destas estudantes, para construír referentes que axuden a fomentar a presenza de mozas nas carreiras científicas e tecnolóxicas e evitar que as mulleres queden á marxe dun futuro onde se espera que o 90% dos traballos estarán relacionados con estes ámbitos”.
Catro mulleres que son unha inspiración para as que veñen detrás
A primeira en recoller o seu galardón foi Antía Álvarez, estudante do Máster en Enxeñaría Biomédica e membro do grupo TeamNanoTech do CINBIO, que recibiu o premio extraordinario no eido da enxeñaría e arquitectura. Na súa intervención agradeceu un galardón “que representa non só un recoñecemento á traxectoria académica, senón tamén un baluarte do compromiso” da UVigo e da Deputación “coa igualdade e a visibilización do papel crucial que desenvolvemos as mulleres no campo da tecnoloxía e da ciencia”. Engadía que “como muller, como estudante desta Universidade e como alumna de Enxeñaría Biomédica, aprecio a importancia de incorporar a perspectiva de xénero no noso traballo, porque no campo da investigación sanitaria, a ausencia desta visión non é só un problema de equidade, senón que nos está custando vidas, e son vidas de mulleres”. Rematou citando, a modo de consello para as futuras xeracións de mozas, unha das nais do sufraxismo, Emmeline Pankhurst: “O medo non debe ser uns obstáculo na nosa loita pola igualdade, debe ser o combustible que nos impulse a seguir adiante”.
Antía Álvarez durante a súa intervención
A outra premiada nesta categoría, Iria Ollero, tamén estudante do Mestrado en Enxeñaría Biomédica que xa recibida este mesmo galardón en 2021 como alumna de grao. Lembrou que a súa paixón pola ciencia e a tecnoloxía comezou aos 14 anos, cando participou nas Aulas Tecnópole do Parque Tecnolóxico de Galicia en Ourense. “Tiña como obxectivo espertar vocacións científico-tecnolóxicas entre a xente nova e penso que comigo o conseguiron”. Sobre o feito de ser dúas as estudantes de Enxeñaría Biomédica premiadas nesta convocatoria, Ollero lembraba que esta é “unha das poucas enxeñarías nas que xa se conseguiu a tan desexada paridade e pode ser un exemplo a seguir”. Engadía que se trata dunha titulación cunha das notas de acceso máis altas da UVigo, “que atrae os mellores expedientes, e máis da metade somos mulleres”. Con todo, recoñecía que queda camiño por percorrer para que os avances en materia de xénero no ensino científico-tecnolóxico “se afiancen e se reflictan tamén no mundo laboral”.
O primeiro premio na rama de ciencias e ciencias da saúde foi para Verónica Laíño, estudante de Enxeñería Química Industrial coa especialidade de Biotecnoloxía e Medioambiente. Ademais de felicitar a todas as galardoadas, quixo estender os seus parabéns a “todas aquelas persoas que loitan día a día por converterse no que queren ser”. Igual que o resto das súas compañeiras, tivo palabras de agradecemento para familiares e amigos “porque me considero unha persoa moi afortunada por estar rodeada de xente que sempre me animou a continuar polo meu propio camiño e que valorou o meu esforzo”. Rematou a súa intervención desexando que “cada vez existan máis mulleres que sirvan de figuras referentes para as nenas que queren estudar nos ámbitos da ciencia e da tecnoloxía” pero que teñen dúbidas.
Por último, Julia Escribano, alumna do Máster en Bioloxía Mariña, fíxose co accésit na rama de ciencias e ciencias da saúde e, nunha mensaxe gravada, agradeceu o premio e recordou que “con esforzo e dedicación pódese conseguir todo, un exemplo son eu, que procedendo dun lugar de interior en Navarra, estou agora mesmo nas costas galegas estudando bioloxía mariña, a miña paixón dende sempre”.
Fonte: DUVI
Esta nova foi publicada en varios medios de comunicación: