Novas
Galicia e País Vasco comparten o reto da atracción e retención de talento científico como unha das claves de futuro dos sistemas de investigación de ambas comunidades autónomas, así como a posibilidade de abrir liñas de cooperación entre ambos modelos.
Así se puxo de manifesto nos distintos encontros mantidos ao longo dos tres últimos días no marco dun intercambio de experiencias e aproveitamento de sinerxías entre os centros de investigación punteiros galegos e vascos que concluíu hoxe mércores en San Sebastián. Na delegación galega estaba a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, xunto co secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, os vicerreitores das outras dúas universidades galegas e representantes dos dez centros que integran a Rede CIGUS, entre eles o Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo, o Centro Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO e o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic. En concreto, asistiron a este visita os seus directores, Daniel Rey, Miguel Correa e Martín Llamas, respectivamente.
Ademais de amosar a Rede CIGUS da Xunta, o encontro permitiu contrastar e poñer en común as distintas estruturas de gobernanza, políticas de funcionamento e esquemas de financiación que coexisten en ambos modelos e, deste xeito, poder afondar nas súas fortalezas e atallar as debilidades.
Ademais de encontros bilaterais entre centros de investigación homólogos de ambas comunidades, durante tres días incluíronse visitas á Fundación para a Ciencia (Ikerbasque), o Instituto Biofisika-Fundación Biofísica Biskaia, Achucarro Basque Center for Neuroscience, Tecnalia, CICbioGuUne, CIGNanoGUNE, Basque Center on Cognition Braing and Language (BCBL) e Basque Research and Technology Aliance (BRTA).
Fonte: DUVI