GL EN

Novas

30 maio 2024Investigadoras do CINBIO participarán na feira 'A ciencia que vén' en Pontevedra

Achegar á cidadanía o traballo do persoal investigador da Universidade e os beneficios dos seus estudos para o avance da sociedade, así como contribuír ao fomento de vocacións científicas. Estes son os obxectivos da expo-feira A ciencia que vén, que a UVigo organizará por primeira vez en Pontevedra este venres 31 de maio. Nesta xornada, a praza da Ferraría acollerá 14 carpas nas que diferentes grupos de investigación ofrecerán unha serie de obradoiros e actividades, dirixidas a un público familiar, que permitirán achegarse dun xeito lúdico e divertido ás aplicacións dos seus traballos en múltiples ámbitos. O evento desenvolverase entre 16.30 e as 19.30 horas e comprenderá tamén dúas presentacións de libros divulgativos e un coloquio sobre a alimentación do futuro, así como un xogo de rol sobre as consecuencias da crise climática, que terá lugar no Museo de Pontevedra.

Organizada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+I) da UVigo, esta feira científica forma parte do programa anual de actividades 2023/2024 do plan Ciencia de Ida e Volta e conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e da Deputación de Pontevedra, así como coa colaboración do Concello de Pontevedra. Baixo o lema de Infloresciencia, neste evento outórgase especial importancia o papel da muller na ciencia e na investigación, ofrecendo unha vez máis a posibilidade de achegarse ao labor das investigadoras da Universidade, e despois de celebrar en Vigo as súas dúas primeiras edicións, trasladase neste 2024 a Pontevedra.

Física, bioloxía, enxeñaría, telecomunicacións, historia e medio ambiente constitúen as liñas temáticas dun evento que arrancará na mañá do venres 31 coa visita do estudantado dos CEIP Barcelos e Froebel aos postos nos que 14 grupos de investigación darán a coñecer o seu labor, abríndose pola tarde ao público xeral. Entre todas as propostas, esta expo-feira científica acollerá o obradoiro 'O ADN nas túas mans', organizado por investigadoras do grupo de Filoxenómica do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina cofinanciado por fondos FEDER, e no que o público asistente poderá visualizar a estrutura do ADN a partir dun anaco de plátano.

Fonte: DUVI