GL EN

Novas

16 outubro 2024O CINBIO acada fondos na convocatoria da Xunta de Galicia para grupos e persoal investigador con traxectoria excelente

A Universidade de Vigo acadou este ano máis de 5 millóns de euros da convocatoria de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e outras entidades do sistema galego de I+D+i realizada pola Xunta de Galicia. Convocadas a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, estas axudas divídense en tres modalidades: grupos de referencia competitiva, grupos con potencial crecemento e persoal investigador con traxectoria excelente. Dependendo das publicacións, patentes, teses dirixidas e proxectos acadados nos últimos tres anos, así como do prestixio acumulado, os diferentes grupos e o persoal investigador optaron a diferentes apoios económicos establecidos entre os 90.000 e 400.000 euros.

A maioría dos grupos financiados da UVigo están vinculados aos seus centros e institutos de investigación, o que, a xuízo da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, “amosa a fortaleza e excelencia dos mesmos”. O mesmo acontece coas axudas para o persoal con traxectoria excelente, concedidas neste caso a seis investigadoras e seis investigadores Ramón y Cajal adscritos aos diferentes centros e institutos.

A modalidade cunha maior dotación económica é a de Grupos de Referencia Competitiva (GRC). Un dos grupos que acadou un maior financiamento, 400.000 euros é o grupo de NanoBioMateriais Funcionais, liderado pola investigadora Isabel Pastoriza Santos e pertencente ao CINBIO, o centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina.

No relativo ás axudas para Grupos con Potencial Crecemento o financiamento acadado roza o millón de euros, variando as axudas entre os 90.000 e os 120.000 euros e resultando beneficiados equipos de investigación dos tres campus. Do CINBIO recibirán financiamento os grupos de Inmunoloxía e de Nanomateriais Híbridos, liderados polas investigadoras África González e Verónica Salgueiriño respectivamente

No caso da modalidade de persoal investigador con traxectoria excelente conseguiron a axuda Begoña Puértolas e Lucas Vázquez, ambos pertencentes ao grupo TeamNanoTech do CINBIO.

Fonte: DUVI