GL EN

Novas

26 outubro 2023O CINBIO celebra unha xornada sobre emprendemento con perspectiva de xénero

Promover a cultura innovadora e o emprendemento no ámbito universitario, fomentando a igualdade de xénero e os valores igualitarios en modelos de emprendemento e transferencia de tecnoloxía; ademáis de proporcionar información sobre financiación e recursos en materia de innovación. Este foi o triple obxectivo co que o CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, celebrou hoxe a primera edición da xornada “Emprendendo con perspectiva de xenéro”, unha acción formativa desenvolvida no marco das axudas  da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo para a organización de actividades que contribúen á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios.

A subdirectora do CINBIO, Diana Valverde, foi a encargada de abrir o acto, destacando a importancia dunha xornada coma esta, que sirva de “reflexión sobre a necesidade de contar con ecosistemas innovadores máis inclusivos e diversos”; e agradecendo o apoio que a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo brinda a este tipo de iniciativas.

Tras o acto de benvida, deu comezo o primeiro bloque da xornada, centrado na xeración e promoción do emprendemento, as necesidades existentes e o impacto da fenda de xénero, baixo a moderación de Ángeles López Lozano, directora técnica da Oficina de I+D da Universidade de Vigo. Eva López, responsable do programa Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela (USC), foi a encargada de abrir este bloque presentando o Programa Innovatia 8.3, ademáis de falar sobre os modelos de intervención que integran a perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento. Pola súa banda, Gisela García, xerente do Clúster Saúde de Galicia (CSG), fixo un repaso do tipo de actividades que se desenvolven no clúster oreintadas á xeración do coñecemento e sobre o papel importante do mesmo na preparación e obtención de financiamento para proxectos innovadores. María José Malmierca, responsable de e-learning no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), pechou este primeiro bloque falando de promoción do emprendemento TIC entre as máis cativas a través de programas educativos e de e-learning.

A decana da Facultade de Química da UVigo, Ángeles Peña, foi a encargada de moderar o segundo bloque sobre os novos modelos empresariais e os diferentes estilos directivos e de liderazgo. Neste senso, Carmen López Pérez, responsable de I+D+i en Balidea, insporou ás persoas asistentes con exemplos de construcción de ecosistemas innovadores, especialmente no ámbito da saúde. Pola súa banda, a xestora de proxectos de I+D+i en Hifas da Terra, Claudia Fernández Mariña, compartiu co público como levan a cabo na súa empresa a acción comercial e a incursión en novos mercados.

Un coloquio para coñecer casos de éxito de emprendedoras puxo o punto final a este evento organizado polo CINBIO. Coa a moderación da directora da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, Maruxa Álvarez, as persoas asistentes puideron coñecer de primeira man a historia de emprendedoras de éxito de diferentes sectores, como Silvana Crisóstomo Besada, cofundadora de Ideas Peregrinas; Mercedes Toscano Varela, cofundadora de Mininolas e Iria Varela Campo, CEO e cofundadora de ODS Protein.

“O emprendemento é unha forma de vida e unha actitude, que permite que cada persoa marque o seu propio ritmo”. Con esta reflexión, Maruxa Álvarez pechou a sesión, para dar paso a un aperitivo-networking no que o público asistente puido seguir dialogando con todas as ponentes.