GL EN

Novas

17 xuño 2024Persoal do CINBIO participa nunha xuntanza do consorcio europeo IN-ARMOR en Barcelona

A semana pasada tivo lugar en Barcelona unha xuntanza do consorcio do proxecto europeo IN-ARMOR (Therapeutic Epigenetic Enhancement of the Innate Immunity to Effectively Combat Antimicrobial Resistance), unha iniciativa coordinada cientificamente pola University of Iceland (Islandia) e financiada ao 100% pola UE a través do programa Horizon Europe, na que participa persoal investigador dos grupos TeamNanoTech e Nanomateriais Híbridos do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, cun orzamento de 390.000 euros para o seu paquete de traballo.

O obxectivo da reunión, á que asistiron membros de todo o consorcio, era presentar os avances do traballo realizado ao longo do último ano. Por parte do grupo TeamNanoTech, coordinador do paquete de traballo número 3, a investigadora Marga Vázquez presentou resultados preliminares, así como o plan que se seguirá para desenvolvelo.

A investigadora Marga Vázquez durante a súa presentación

IN-ARMOR botou a andar en maio de 2023 cunha reunión de lanzamento celebrada en Islandia e prolongarase ata finais de abril de 2027, formando parte do consorcio, ademais da Universidade de Vigo a través do CINBIO, o Karolinska Institute (Suecia), o Servicio Madrileño de Salud (España), Akthelia Pharmaceuticals (Islandia), Acondicionamiento Tarrasense Associacion (España), University of Jyvaskyla (Finlandia), VibioSphen (Francia), RijkSuniversiteit Groningen (Países Bajos), Obelis s.a. (Bélgica), Tecnologías Avanzadas Inspiralia (España), Enamine (Ucrania), Biokeralty Research Institute AIE (España), Betthera s.r.o. (República Checa), NUVISAN GmbH (Alemania), e a University of Tampere (Finlandia).

O principal obxectivo do proxecto é introducir unha nova clase de inductores do sistema inmunolóxico, capaces de mellorar os mecanismos de defensa microbiana innatos do corpo humano, para combater a resistencia antimicrobiana e reducir a indicendia das 13 infeccións baterianas máis perigosas do mundo. A resistencia antimicrobiana está designada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como unha das principais amenazas do noso tempo, superada unicamente polas cardiopatías ou os accidentes cerebrovasculares.