Novas
O Centro de Investigación en Nanomaterias e Biomedicina da Universidade de Vigo, cofinanciado con fondos FEDER, é unha das nove entidades seleccionadas para participar no consorcio europeo Adaptation, financiado con 3,6 millóns de euros de axudas Pathfinder da Unión Europea e que ten como principal obxectivo a creación dos novos dispositivos que marcarán o futuro da enerxía solar. Farano inspirándose nos procesos naturais de xestión enerxética máis eficientes da Terra: a fotosíntese e o arrefriamento radiativo terrestre.
O proxecto arrancou este mes e nel a participación viguesa chega da man Grupo de NanoBioMateriais Funcionais (FunNanoBio) do CINBIO, dirixido pola catedrática Isabel Pastoriza Santos, quen explica que o seu grupo de investigación achegará a este proxecto toda a súa experiencia en Química Coloidal e Materiais. “O noso principal labor vai consistir en desenvolver partículas baseadas en pigmentos e colorantes capaces de captar enerxía solar e con capacidade de refrixeración, que despois serán empregados para fabricar os dispositivos sostibles que xeren electricidade e regulen a súa temperatura”, salienta a docente da Facultade de Química, quen conta cunha longa traxectoria investigadora no campo do deseño e aplicación de materiais nanoestruturados durante máis de 20 anos, realizando achegas relevantes na síntese de nanopartículas de ouro e prata mediante a Química Coloidal.
Pastoriza, no centro, acompañada polos dous estudantes de doutoramento
que colaboran na investigación: José Nuno Rocha Gama e Paula Sanmartín Rodríguez
Apto para todo tipo de superficies e adaptable a toda Europa
Coordinado pola Universidade do Minho e con socios de cinco países -Portugal, España, Francia, Austria e Países Baixos-, Adaptation contribuirá a lograr unha economía limpa e resiliente fronte ao cambio climático producindo o primeiro material captador de luz apto para todo tipo de superficies e adaptable a todas as zonas xeográficas de Europa.
Por diante quedan catro anos de traballo nos que a idea é chegar a crear unha serie de dispositivos que absorban a enerxía solar para convertela en electricidade á vez que sexan capaces de arrefriarse a si mesmos, evitando perdas de enerxía. Para conseguilo traballarase a nivel molecular da mesma maneira que se organiza o tecido fotosintético natural de cara a xerar eses novos materiais que serán a base dos novos dispositivos.
Eses futuros aparellos estarán formados por varias estruturas nanométricas e terán as propiedades necesarias de absorción e transporte de enerxía, así como de control térmico.
Novas entidades de cinco países
Adaptation está financiado coas denominadas axudas Pathfinder da Unión Europea, destinadas ao financiamento de proxectos disruptivos que apoian o desenvolvemento en fases iniciais de tecnoloxías futuras, baseadas en investigación de alto risco e alta ganancia de tecnoloxía.
Neste caso participan nove entidades de cinco países distintos:a a Universidade de Minho e o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía (INL), por parte de Portugal; a Universidade de Vigo, o CSIC e as empresas Avanzare Innovation Tecnológica SL e Cooling Photonics; a Universidade de Estraburgo, por parte de Francia; a Universidade de Utrech, dos Países Baixos, e a empresa Sunplugged-solare Energiesysteme, de Austria.
A IP do proxecto é a investigadora galega Sara Núñez Sánchez, experta en Nanofotónica. Despois de diferentes estancias internacionais (Bristol, Exeter...) esta investigadora formou parte ata 2023 do cadro de persoal investigador do CINBIO, onde xa colaborou con Pastoriza en diferentes proxectos de investigación, entre eles Catarsis , dirixido tamén a “desenvolver os fundamentos dunha nova tecnoloxía de captación de enerxía solar inspirándonos na natureza, máis concretamente, en como a enerxía é capturada e transportada na fotosíntese”.
Fonte: DUVI
Esta nova foi publicada en varios medios de comunicación: