GL EN

Novas

Presentamos o novo grupo Química e Física de Materiais
03 xuño 2020

Presentamos o novo grupo Química e Física de Materiais

No CINBIO contamos con catorce grupos de investigación consolidados adscritos ás diferentes áreas do centro. Non obstante, dado que nos atopamos continuamente cunha perspectiva de mellora e crecemento, sempre estamos abertos a acoller novos grupos emerxentes. Co fin de ir agrandando a nosa comunidade, este mes inauguramos o grupo de Química e Física de Materiais, liderado polo investigador Lakshminarayana Polavarapu grazas a unha bolsa de investigación Ramón y Cajal e ao cofinanciamento dos fondos FEDER.


 

Recén chegado da Ludwig Maximilians Universität München (Alemaña), onde lideraba o grupo de Nanocristais de perovskita, este investigador principal é coautor dunha media de 70 publicacións e actualmente conta cun Índice H de 48, roldando as 7000 citas. Ademais, pertence ao comité editorial de Scientific Reports (unha revista de Nature Research) e foi editor invitado da colección temática sobre “Nanocristais de perovskita de haluro” publicada na revista Nanoscale no ano 2019.

Antes disto, o doutor Polavarapu pasou por diferentes universidades e centros de investigación creando un curriculum exemplar. No ano 2005 realizou un Mestrado en Química na University of Hyderabad en India. Posteriormente, obtivo o doutoramento en Fisicoquímica en 2011 pola Universidade Nacional de Singapur. O CINBIO non é estraño para este investigador, xa que despois de obter o doutoramento realizou unha estancia posdoutoral no CIC biomaGUNE e no grupo de Química Coloidal, actualmente liderado por Isabel Pastoriza.

Dende este ano 2020, Lakshminarayana Polavarapu incorporouse como investigador principal dun dos grupos emerxentes do noso centro. Neste equipo, explóranse diferentes enfoques de química húmida para controlar o tamaño, forma e composición de varios nanomateriais e así entender as súas propiedades. O grupo céntrase actualmente en nanocristais plasmónicos coloidais así como en nanocristais de perovskita de haluro emisor de luz, materiais 2D e puntos de carbono. Así mesmo, tamén están a traballar no desenvolvemento de varios enfoques químicos e físicos para o autoensamblado destes nanocristais en arquitecturas ordenadas para explorar o seu comportamento colectivo. Ademais, utilizan un amplo rango de técnicas de espectroscopía óptica para entender a emisión de luz, relaxación do portador de carga e transferencia de carga/enerxía en materiais compostos incluíndo sensores, fotocatálise, fotovoltaicos e dispositivos emisores de luz (LEDs).

Agardamos que este grupo vaia medrando pouco a pouco ata facerse grande nun futuro próximo, e que sexa o protagonista de novas investigacións e avances susceptibles de ser transferidos á sociedade.